Sinatura do convenio marco de cooperación entre a Secretaría Xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do MAEC e a Xunta dfe Galicia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, Gonzalo Robles, asinaron hoxe un Convenio marco co fin de acadar un modelo de cooperación descentralizada más eficiente e coordinada. O acordo busca impulsar liñas de traballo conxuntas e mecanismos que permitan unha política de cooperación ao desenvolvemento máis coherente, que conte coa participación de todos os actores implicados, e que se empregue na utilización eficaz dos recursos dispoñibles.
Ademais de Galicia, sumáronse a este convenio os gobernos autonómicos da Rioxa, Baleares, Madrid, Valencia e Castela-León. O documento servirá de referencia para todas aquelas actuacións de colaboración que se decidan coa Cooperación Española e que se desenvolverán a partir de agora mediante convenios e protocolos específicos.
Xa desde o ano 1998, a Xunta ven colaborando coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), sobre todo en temas concretos como a pesca e as bolsas de formación.
Precisamente ao abeiro do convenio asinado esta mañá, estase avanzando no deseño dun protocolo xeral e homoxéneo para todas as CCAA, de creación dun Fondo Humanitario de Axudas de Emerxencia e Acción Humanitaria, no que tamén participaría Galicia.
Así mesmo, Xunta e Ministerio teñen previsto iniciar a tramitación dun Convenio específico de colaboración conxunta sobre bolsas de formación de expertos de cooperación internacional para o desenvolvemento que o Goberno galego xa convoca desde 2002.
Outra proposta de colaboración de Galicia é afondar na identificación e deseño conxunto de novas intervencións ou de cofinanciamento de programas que xa estean en marcha e respecto dos que a nosa comunidade autónoma poida aportar a súa experiencia ou algún valor engadido.
Previamente á sinatura do dito convenio, o vicepresidente Alfonso Rueda participou na reunión da Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, na que se acordou a súa extinción. Trátase, deste xeito, de evitar duplicidades, posto que xa existe outro órgano –a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento- que desempeña funcións similares.