Cooperación Galega analiza en Mozambique diversos proxectos que se están a levar a cabo no país.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, están a realizar unha viaxe institucional en Mozambique para analizar os diversos proxectos que se están a levar a cabo neste país co financiamento de Cooperación Galega.
Mozambique é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega, non só polo achegamento lingüístico, ao pertencer á África lusófona, senón tamén pola experiencia no impulso de actuacións relacionadas co sector da auga e saneamento e, a acuicultura a pequena escala, “ámbolos dous sectores nos que a Cooperación Galega aporta un valor engadido ao conxunto da cooperación do Estado” segundo Gamallo, quen tamén destaca o carácter prioritario que ten Mozambique no IV Plan Director da Cooperación Española e nos plans directores que Cooperación Galega, de acordo co que, esta última, colaborou con preto dun millón de euros nos últimos cinco anos.
Durante a visita de este luns á Maputo, capital do país africano, Jesús Gamallo e Pilar Romero mantiveron reunións cos representantes das administracións e entidades coas que colaboran en Mozambique, coma co secretario permanente do Ministerio das Pescas, Herminio Lima, a xefa do Departamento de Cooperación do citado Ministerio, Ángelica Dengo, a directora do Instituto Nacional de Desenvolvemento da Acuicultura (INAQUA), Isabel Omar, o coordinador xeral da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) nese país, Jaime Puyoles e o embaixador de España, Santiago Miralles, Tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Centro de Formación de Turismo da municipalidade de Matola, financiado pola Xunta de Galicia.
Novos acordos de cooperación
O secretario permanente do Ministerio de Pescas agradeceu a solidariedade galega, ao tempo que afirmou que “Mozambique conta con recursos pesqueiros significativos e con un gran potencial en acuicultura, sectores nos que agarda seguir contando co apoio da Xunta de Galicia, por ter recoñecida experiencia nestes campos e por supor un impulso á seguridade alimentaria do país.” Neste senso, Gamallo e Romero manifestaron a intención de renovar os acordos vixentes entre ámbalas dúas administracións e comprometéronse a estudar a posibilidade de ampliar o acordo subscrito, e especificar novas vías de Cooperación entre Galicia e Mozambique.
Jesús Gamallo tamén se interesou polos acordos pesqueiros entre o país africano e a UE, que actualmente só atinxen á pesca do atún, comprometéndose a trasladar á Europa a vontade do goberno mozambicano de ampliar estes acordos a máis especies de pesca.
A delegación da Xunta tamén quixo coñecer o estado dos proxectos de acuicultura, especialmente do que se executou en 2012 a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e en colaboración coa entidade local, INACUA. Este proxecto consistiu na formación de formadores en materia acuícola e contou cunha subvención de 41.000€. A directora do INACUA, Isabel Omar, manifestou a súa satisfacción co goberno Galego e con CETMAR, cos que xa levan traballando ao longo dos últimos anos e esperan seguir facéndoo.
Valor engadido á Cooperación Española
Na procura de facer máis efectiva a Cooperación, o goberno autonómico considera necesario propiciar unha maior concentración xeográfica e especialización da axuda galega, algo que xa se está a facer en Mozambique, onde actualmente as accións en materia de auga, pesca e acuicultura concéntranse na rexión de Cabo Delgado, na zona Norte do país.
Esta supón unha liña de actuación complementaria á da Cooperación Española, segundo llo trasladaron os representantes da Cooperación galega ao Coordinador da AECID, Jaime Puyoles quen insistiu na importancia de Mozambique como país prioritario no novo Plan Director e puxo especial fincapé na necesidade de formar ao capital humano.
Tamén fixo mención ao traballo en seguridade alimentaria, algo no que xa traballa a Cooperación Galega, que segundo Pilar Romero, “estase mellorando cos proxectos relacionados co apoio a auga e a acuicultura”. Neste senso, acordouse unir esforzos para retomar un proxecto acuícola que facilitaría as condicións da poboación local para o acceso aos alimentos.
Artesanía e Centro de Formación Turística de Matola
Na súa visita na provincia de Maputo, Jesús Gamallo e Pilar Romero ademais de visitar a Feira de Artesanía financiada pola AECID, tamén coñeceron ás instalacións do Centro de Formación e Promoción do Turismo (TURIMATOLA) que financiou Cooperación Galega a través da convocatoria doutros axentes a Rural Consulting, quen contou como socio local coa Axencia de Desenvolvemento Local e Económico de Maputo (ADEL- Maputo). Durante a súa visita puideron conversar con grupos de xoves que estaban a participar en cursos formativos.
Ata o vindeiro 8 de novembro Jesús Gamallo e Pilar Romero viaxarán a Cabo Delgado para coñecer o estado dos proxectos que se levan a cabo nesa rexión.