Cooperación Galega visitou en Mozambique os proxectos de pesca e auga que financia en ese país.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, visitaron nos últimos días Mozambique para coñecer de primeira man o desenvolvemento dos proxectos financiados pola Cooperación Galega nese país.
A Xunta de Galicia leva anos colaborando con esta zona de África Austral, non só por ser un dos países co Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo do mundo (o antepenúltimo segundo Nacións Unidas) senón tamén polas características lingüísticas da África lusófona, e a experiencia en materia de pesca artesanal, acuicultura e recursos hídridicos.
Segundo o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, “Mozambique será o único país de África prioritario para a Cooperación Galega no III Plan Director, por ter a consideración de PMA, país menos Adiantado”. Neste sentido, Jesús Gamallo sinala que a cooperación descentralizada debe aliñarse coas estratexias estatais co fin de “optimizar a eficacia das intervencións de desenvolvemento”.
A delegación do goberno autonómico desprazouse á Pemba, a capital da Rexión de Cabo Delgado, situada no norte de Mozambique para coñecer de primeira man os proxectos de pesca e acuicultura executados polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e as actuacións en auga levados a cabo por Augas de Galicia a través de dous convenios de colaboración.
O director, Jesús Gamallo destaca a singularidade deste último, por ser o primeiro cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. O proxecto presentado por Augas de Galicia, foi aprobado no marco do 10th European Developmen Fund ACP-EU Water Facility, e conta con un financiamento de preto de 400.000 euros aportados pola UE en tres anos, (2012-2014) e con 138.000 euros financiados pola Cooperación Galega.
Durante a visita a terreo deste xoves os representantes da Xunta analizaron o desenvolvemento da intervención co coordinador do proxecto, de Augas de Galicia, Víctor Penas e con representantes da entidade socia local, a Administración Rexional de Augas do Norte (ARA-NORTE).
Víctor Penas explicou que o proxecto consiste nunha aparcería para o apoio técnico á consolidación da Administración Rexional de Augas do Norte co fin de mellorar a xestión dos recursos hídricos, “nun territorio onde a poboación conta con graves dificultades para acceder á auga potable”
A iniciativa consiste nun fortalecemento institucional que ao rematar a súa execución, segundo Penas, permitirá “aumentar e sistematizar o coñecemento dos recursos da auga, fortalecendo a planificación hidrolóxica e a xestión de infraestruturas para mellorar as condición de vida da poboación tomando como referencia a experiencia da Xunta de Galicia no ámbito da auga.”
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, destacou a importancias de actuacións de estas características “onde se traballan os temas prioritarios para o país como o son a saúde, seguridade alimentaria e a formación de capital humano”
Pesca e Acuicultura
No norte de Mozambique céntranse as principais actuacións en pesca e acuicultura financiadas pola Cooperación Galega, polo que Jesús Gamallo e Pilar Romero entrevistáronse co delegado provincial do Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP), Henriques Bustani para coñecer de primeira man o estado dos proxectos formativos en materia acuícola e pesqueira, executados por CETMAR.
Bustani amosou o seu agradecemento á Xunta polo apoio recibido e manifestou a súa vontade de seguir colaborando, xa que segundo el “é preciso seguir investigando en materia acuícola que facilite o acceso aos alimentos da poboación” ao tempo que recoñece “a falta de capacidade técnica e científica do persoal e de unha unidade para a investigación acuícola de novas especies mariñas”
Pilar Romero lembrou que en novembro unha delegación da administración local viaxará a Galicia para formarse en materia acuícola, o que suporá,“unha boa oportunidade para adquirir coñecementos científicos e transmitilos despois ao resto do persoal do IIP” apuntou a subdirectora.
Despois da reunión, os representantes da Xunta de Galicia puideron visitar o barrio de pescadores de Pemba, onde compartiron experiencias cos beneficiarios finais das intervencións da Cooperación Galega.