O IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra recibe o premio “Vicente Ferrer”
O director xeral de Relación Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á entrega do V Premio de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”, na que foi galardoado o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, único centro galego entre os premiados nesta edición.
O acto, celebrado en Madrid, estivo organizado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e contou coa presenza da directora de Cooperación Multilateral, Horizontal e Financeira da AECID, Laura López,o director xeral de Avaliación e cooperación territorial do MEC, Alfonso González e o director da Fundación Vicente Ferrer, Jordi Folgoso; que foron os encargados de entregar os premios.
Cada ano, os premios “Vicente Ferrer” recoñecen a quince centros docentes públicos pola realización de accións, experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinadas a sensibilizar, concienciar e desenvolver o espírito crítico. Ademais de para fomentar a participación activa do alumnado na consecución dunha cidadanía global, solidaria, comprometida coa erradicación da pobreza e co desenvolvemento humano e sostible.
O premio é de carácter formativo e consiste na participación nun seminario de intercambio e boas prácticas en educación para o desenvolvemento nun dos centros de formación da cooperación española.
O traballo e o compromiso deste centro coa educación para o desenvolvemento é apoiado e complementado pola Cooperación Galega que ten financiado dous proxectos á agrupación das ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), no marco da convocatoria de subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento.
En concreto, o proxecto “Mellora da educación e comunicación para o desenvolvemento na educación infantil, primaria e secundaria, e da formación en cooperación e comunicación para o desenvolvemento no ámbito universitario” foi financiado nas convocatorias 2012 e 2013 e a agrupación conformada por ACPP e AGARESO traballou co equipo docente e alumnado do Gonzalo Torrente Ballester.
O obxectivo deste proxecto foi mellorar as capacidades e ferramentas para a educación e comunicación para o desenvolvemento no ensino a través por exemplo da realización de obradoiros de radio e televisión de educación para o desenvolvemento e da vinculación á Rede Escolas sen Racismo. O financiamento da Xunta de Galicia ás dúas fases do proxecto ascendeu a máis de 70.000 euros.