A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha resposta de emerxencia en Filipinas
O paso do supertifón “Haiyan” por Filipinas a tarde do pasado día nove, deixou uns dez millóns de afectados, un millón de desprazados e ata o de agora 2.795 mortos, segundo fontes oficiais, aínda que se estima que a cifra de mortes podería aumentar ata as 10.000.
Filipinas é considerado un dos países máis vulnerables a catástrofes naturais no mundo. Durante os últimos anos ten sido golpeada por sismos, tifones e incluso erupciones volcánicas. A pesar das realización de actuacións para a preparación e prevención de desastres, moitas veces grazas á cooperación internacional, a densidade de poboación, sobre todo en zonas costeiras e a deficiencia nas infraestruturas, unido ao feito de que “Haiyan” é unha das tormentas mais poderosas dende que se teñen rexistros segundo os científicos, deixan unha devastación que ten mobilizado unha importante resposta a nivel internacional.
O importante nestes momentos é garantir a chegada e reparto da axuda, o que non está sendo fácil, dada a orografía do país. A conexión entre illas faise por barco e avión, e ao estar en época de chuvias, moitas veces o acceso é limitado e vese afectado, de maneira que aínda quedan moitas zonas onde non se pode chegar e coas cales aínda non se puido comunicar.
A intervención de emerxencia
A Xunta de Galicia grazas ao convenio que ten asinado coa ONGD Farmamundi, e en coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que garante o apoio loxístico para o envío e reparto da axuda en terreo, montou un operativo de resposta rápida á emerxencia, consistente na valoración das necesidades da poboación filipina e na decisión de apoiar co envío de material médico sanitario, complementando o operativo da AECID mais centrado no apoio en auga e saneamento e alimentación.
Concretamente a Xunta de Galicia ten enviado varios kits de emerxencia homologados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar atención sanitaria en catástrofes a mais de dez mil persoas en tres meses, kits obstétricos para atender mais de 100 partos, kits de trauma, enfermidades crónicas, contra enfermidades diarreicas e pediátricos.