Proceso de elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017
A Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, sinala que a cooperación galega para o desenvolvemento se articula a través de plans directores cuadrienais e de plans anuais. Ademais, establece que os plans directores serán aprobados polo Parlamento de Galicia a proposta do Consello da Xunta de Galicia, co informe previo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode)
Dado que o II Plan Director 2010-2013 finaliza o seu período de vixencia o 31 de decembro de 2013, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE está a elaborar unha proposta de Plan para os vindeiros catro anos.
O proceso de elaboración do novo Plan iniciouse coa aprobación pola Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento con data 4 de outubro de 2013 do plan de traballo para elaboración do Plan director e desenvolverase ata o mes de decembro, no que rematará co envío a do proxecto de Plan Director ao Parlamento para a súa aprobación definitiva.
O III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 terá un carácter máis estratéxico e buscará a posta en valor dos aspectos cualitativos da nosa cooperación, adecuándose ás directrices establecidas no IV Plan Director da Cooperación Española 2013-2016, afondando e priorizando aquelas nas que Galicia pode ter un papel destacado.
Para a elaboración do devandito documento contamos coa participación de todos os axentes galegos de cooperación. Para tal fin poñemos á súa disposición a seguinte documentación que iremos ampliando a medida que avance o proceso de elaboración do Plan:
- II Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento.
- Avaliación intermedia do II Plan Director.
- Avance de resultados da avaliación final do II Plan Director.
- Plan de Traballo para a elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega.
- Documento marco. III Plan Director da Cooperación Galega.