Noticias de Cooperación Gallega
12/12/2013
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo recibe unha delegación de representantes do municipalismos de Cabo Verde.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo mantivo onte unha reunión cunha delegación caboverdiana formada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e presidente da Cámara Municipal da Ribeira Grande, Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo e única alcaldesa entre os 22 municipios de Cabo Verde e Vlademiro Almeida, redactor do xornal ‘Expresso das Ilhas’.
A delegación está realizando unha visita a Galicia, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para visibilizar os proxectos de desenvolvemento apoiados nos últimos anos. A comitiva percorrerá os concellos de Burela, Oleiros, Cambre, Vigo, Redondela, Allariz e as deputacións de Lugo e A Coruña.
O Fondo Galego, integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, iniciou a cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos no ano 2002 e desde entón ten impulsado 33 proxectos de cooperación internacional.
Por outra banda, Cabo Verde é considerado pais prioritario para a cooperación galega no II Plan Director 2010-2013, aprobado polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010.
No marco do II Plan Director financiáronse 3 proxectos, ascendendo o total da axuda galega a 260.408 €.
No marco do I Plan Director, que tamén contemplaba a Cabo Verde como pais prioritario, financiáronse 23 proxectos (19 dos cales en colaboración co Fogacosol), ascendendo o total da axuda galega a 610.148 €.
Á reunión tamén asistiron a presidenta e o secretario do Fogacosol, Teresa París e Daniel González e a subdirectora xeral de cooperación exterior, Pilar Romero.