O Consello da Xunta aproba o III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 e a súa remisión ao Parlamento de Galicia.
O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se lle propón ao Parlamento de Galicia que aprobe o III Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2014-2017. Este documento, que establece a planificación estratéxica da Xunta en materia de cooperación para os vindeiros catro anos, conta co informe favorable do Consello Galego de Cooperación (Congacode).
Como novidade respecto aos plans anteriores, este plan director incorpora un modelo de xestión baseado nos resultados, é dicir, orienta os seus esforzos cara á consecución de determinados resultados específicos en cada unha das liñas de actuación establecidas.
Cómpre destacar que este plan terá un carácter máis estratéxico, con axudas con maior valor engadido, maior calidade e maior eficacia. Trátase, en definitiva, de que as axudas acaden un maior alcance e impacto nos ámbitos onde se apliquen e sexan capaces de xerar cambios positivos e sustentables a longo prazo nas condicións de vida das persoas nas comunidades e países socios con que traballa a cooperación galega.
Outros aspectos novidosos son a concentración xeográfica e a especialización da axuda naqueles sectores en que Galicia conta con valor engadido ou vantaxes comparativas e sobre os cales dispón de experiencia acreditada.
A cooperación galega concentrará os seus recursos en nove países prioritarios, que son Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e El Salvador. Todos eles absorberán un mínimo de entre o 75 e o 80 por cento dos recursos destinados pola Xunta á cooperación exterior.
Canto aos sectores de especialización –que concentrarán entre o 80 e o 90 por cento da axuda- establécense sete áreas prioritarias que son agricultura e desenvolvemento rural, pesca e acuicultura, educación, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica e abastecemento de auga e saneamento, saúde xeral e programas sobre saúde sexual reprodutiva.