Noticias de Cooperación Gallega
27/12/2013
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reuniuse cos vicerreitores da área de Cooperación para o Desenvolvemento das tres Universidades Galegas.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha reunión cos vicerreitores con competencias na materia de cooperación para o desenvolvemento das 3 universidades galegas, na que lles informou das novidades do III Plan Director da Cooperación Galega, recentemente aprobado polo Consello da Xunta, que inclúe como unha das súas liñas estratéxicas o impulso da investigación para o desenvolvemento.
Así mesmo, sinalou a importancia das universidades como axentes de cooperación que dispoñen dun gran potencial na xeración do coñecemento experto así como unha capacidade notable para constituírse en espazos de formación, non só de saberes técnicos, senón tamén de valores cidadáns.
Destacou o director xeral que, xa para este ano 2014, retómase a colaboración financeira coas universidades galegas, dotando a partida orzamentaria correspondente con 175.000 €. Lembrou que nos dous anos anteriores non se puido realizar esta colaboración debido aos axustes orzamentarios sufridos pola Cooperación Galega.
Deste xeito, indicou Gamallo que o Plan Anual 2014 da Cooperación Galega xa recolle a publicación dunha convocatoria específica dirixida aos centros de investigación, grupos de investigación e departamentos das universidades galegas para o financiamento de investigacións, cunha dotación total de 150.000 € (75.000 € para 2014 e 75.000 € para 2015), que promoverá investigacións que creen valor para o conxunto do sistema galego de cooperación e que establezan mecanismos sólidos de transferencia de resultados aos actores e axentes de cooperación para a mellora da calidade e eficacia da Cooperación Galega.
Así mesmo, Gamallo pediu aos representantes das universidades a súa implicación para presentar conxuntamente iniciativas que fomenten a colaboración entre as universidades do Sistema Universitario de Galicia, para levar adiante accións conxuntas nas materias de formación e de sensibilización no eido do desenvolvemento.
Destacou, finalmente, a importancia dos proxectos das universidades galegas que foron financiados pola Cooperación galega nestes últimos anos, non só no eido da investigación e a formación, senón tamén na execución de proxectos no exterior que favorecen a transferencia de coñecemento cara aos países do sur, moitos deles en agrupación con ONGD para o desenvolvemento conxunto de proxectos en distintos sectores como soberanía alimentaria, o uso racional dos recursos naturais ou o fortalecemento institucional.