Noticias de Cooperación Gallega
09/01/2014
Xeral

A Xunta aproba o Plan Anual de Cooperación para 2014 cun orzamento que supera os catro millóns de euros

O Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2014, o informe que recolle o conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia desenvolverá neste eido durante o vindeiro ano, o primeiro do III Plan Director.

O Plan 2014 foi elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e recolle os compromisos, os medios de actuación e os recursos orzamentarios previstos para o desenvolvemento de iniciativas concretas no ámbito da cooperación galega. O seu orzamento é de máis de catro millóns de euros, o que supón o mantemento dos fondos con respecto ao ano anterior.

No Plan recóllese o mantemento dos compromisos adquiridos en 2013 con preto de vinte proxectos de ONGD beneficiarias da convocatoria pública de Educación para o Desenvolvemento ou a través de varios convenios con CETMAR e Augas de Galicia.

Tamén se financiarán distintas liñas de axudas tradicionais, como as destinadas a proxectos de cooperación no exterior -1,9 millóns de euros-; as convocatorias de subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e fortalecemento de ONGD –máis de 200.000 entre ambas-, as bolsas de formación de expertos en cooperación internacional -94.000 euros- e o mantemento dunha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia, para a que se destina máis de medio millón de euros.

Proxectos de investigación das universidades

Ademais, como novidade, por primeira vez publicarase unha convocatoria específica de axudas para proxectos de investigación liderados por universidades galegas, co fin de potenciar e impulsar esta dimensión da educación para o desenvolvemento. A dotación desta convocatoria, que será plurianual, será de 150.000 euros en total, repartidos entre 2014 e 2015.

O Plan de actuación 2014 recolle a sinatura de convenios coa Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para actividades de formación e sensibilización e a continuidade da colaboración coa Consellería de Educación a través do Plan Proxecta.

En colaboración co CETMAR, e apostando por unha orientación estratéxica da Cooperación Galega, seguirase colaborando con proxectos de asistencia técnica que faciliten a transmisión de coñecementos e tecnoloxía aos países do Sur e a continuidade do Programa de Formación en Pesca Artesanal e Acuicultura (Profopac) de Centroamérica.

Finalmente, sinalar que o Plan 2014 quere avanzar na avaliación das actuacións financiadas para mellorar a calidade da axuda, dando cumprimento aos compromisos do III Plan Director da Cooperación Galega. Por iso, realizarase a avaliación dos proxectos financiados desde 2007 na República Dominicana e afondarase nas actuacións iniciadas en 2010 para aproveitara as posibilidades de financiamento ofertadas pola UE e outros organismos en proxectos conxuntos no ámbito da cooperación ao desenvolvemento.

Por último cabe mencionar que neste ano 2014 está previsto que se inicie un proceso participativo de reflexión dos actores galegos de cooperación e dos partidos políticos con representación parlamentaria para valorar a oportunidade de proceder a elaborar unha nova lei galega de cooperación, máis adaptada á realidade actual.