A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha resposta de emerxencia en Siria para mellorar as condicións de vida no campo de Yarmouk.
O conflito desatado en Siria ten ocasionado unha das maiores crises de refuxiados e desprazados da historia, especialmente no que ao desprazamento de poboación infantil se refire. Segundo os datos da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR, existen máis de 2 millóns de persoas desprazadas internas e ao redor de 3 millóns de persoas refuxiadas, a maioría no Líbano (36%), Xordania (26%) e Turquía (23%). A poboación que conta con menores recursos económicos atópase entre aquela que non ten a oportunidade de saír do país.
Dende o inicio do conflito os campos para poboación refuxiada e desprazada foron considerados lugares de maior seguridade para a poboación civil. Desta forma, as instalacións dos campos que foron deseñadas para albergar poboación palestina en Siria (que era o país que acollía o maior número dela) serviron para acoller unha parte importante da poboación civil, a medida que os enfrontamentos se estenderon aos diferentes barrios e cidades.
Sen embargo, estes campos deixaron de ser lugares seguros para converterse en obxectivos do conflito, padecendo o bloqueo das entradas e saídas, bombardeos e violentos enfrontamentos. O campo de Al Yarmouk, onde se vai a desenvolver o operativo, chegou a acoller a máis dun millón de persoas durante o verán de 2012, mentres que na actualidade quedan unhas 18.000 que son vítimas de constantes bombardeos e enfrontamentos entre o exército e os grupos rebeldes.
O bloqueo ao que está sometido o campo impide a entrada e saída da poboación, así como o subministro de alimentos, auga, medicamentos e artigos de primeira necesidade. A poboación está padecendo malnutrición, deshidratación e enfermidades relacionadas coa extrema precariedade das condicións de vida (non hai acceso á electricidade e, polo tanto, non hai calefacción; a frecuencia de acceso á auga é de catro horas cada tres días). Debido ás condicións do bloqueo, os produtos básicos escasean dende hai meses e os prezos se multiplican constantemente (ata fai pouco, un quilo de arroz custaba en Al Yarmouk 100 dólares).
A intervención de emerxencia
Atendendo aos continuos chamamentos internacionais de axuda, a Xunta de Galicia, en coordinación con Farmamundi, ten prevista a atención das necesidades básicas de alimentación e abrigo dos habitantes do campo de Al Yarmouk.