Noticias de Cooperación Gallega
28/02/2014
Xeral

Xunta e Farmamundi colaborarán en actuacións humanitarias e de emerxencias destinadas aos colectivos máis vulnerables

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá un convenio de colaboración con Farmamundi polo que o Goberno galego achégalle á organización 50.000 euros para actuacións de acción humanitaria e emerxencias, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables. Na sinatura, que foi na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, tamén estivo presente o delegado, José Manuel Cores Tourís.
Ao abeiro deste acordo, realizaranse intervencións encamiñadas a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia, como auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade.
Así mesmo, as actuacións subvencionables tamén tenderán a paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, especialmente nos países e poboacións con menor Índice de Desenvolvemento Humano.
Cinco anos colaborando
Segundo explicou a delegada de Farmamundi en Galicia, Beatriz Villarquide, a ONG leva colaborando desde a Xunta desde o ano 2009 para dar resposta inmediata -en coordinación coa AECID- a diversas catástrofes e emerxencias acontecidas nestes cinco anos e que agora se amplían ao 2014.
Así, por exemplo, o convenio activouse para intervir na crise alimenticia do Sahel africano; tralo paso do furacán Sandy por Haití e República Dominicana; despois do tifón Haiyan en Filipinas; para combater a epidemia de polio en Dadaab (Kenya); na loita contra a malnutrición infantil dos desprazados de Goma, na República Democrática do Congo; ou nos conflitos en Malí e Siria.
Doutra banda, estes convenios permitiron dotar materialmente un fondo de emerxencias no centro loxístico que Farmamundi ten en Valencia, para ter a disposición de maneira permanente material de resposta para as emerxencias que poidan acaecer.
Unha axuda planificada
A sinatura deste convenio atópase especificada no Plan Anual 2014 da Cooperación Galega, aprobado a principios de ano polo Consello da Xunta. Así mesmo, enmárcanse dentro do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, onde se identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, a exercitar ben de forma directa ou ben a través dos diferentes actores de cooperación.

..