A Xunta colabora con Farmamundi para combater a malnutrición materno infantil en Sudán do Sur
A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia para combater a malnutrición aguda materno infantil entre a poboación desprazada no campo de Kakuma (en Kenya), por mor da crise que está a vivir Sudán do Sur.
En concreto, o Goberno galego destinará unha contía de 10.000 euros que permitirán distribuír nos próximos dous meses unhas 10.200 unidades de suplementos nutritivos a 3.000 mulleres lactantes e embarazadas e nenos e nenas menores de cinco anos. A entrega executarase a través do socio local da ONGD Farmamnundi (Hesed-África) en coordinación con ACNUR e as autoridades kenyanas, que son as xestoras do campo de Kakuma.
Sudán do Sur é o Estado máis novo do mundo e está a experimentar a peor crise desde a súa independencia fai dous anos. O campo de Kakuma está a 120 quilómetros da súa fronteira e recibe entre 300 e 400 persoas diariamente, a maior parte delas procedentes de Sudán do Sur.
Esta actuación de emerxencia enmárcase dentro do acordo de colaboración que desde o ano 2009 manteñen a Xunta e Farmamundi co obxecto de atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia, como auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade.
Precisamente fai un mes a Vicepresidencia da Xunta renovou o convenio con Farmamundi para este tipo de actuacións, con especial énfase aos colectivos máis vulnerables en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.
Ao longo destes anos de colaboración, Xunta e Farmamundi teñen activado este tipo de resposta inmediata -e coordinada coa AECID- ante diferentes emerxencias acaecidas, como o tifón Ketsana en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo, as emerxencias por mor das choivas no Salvador e Nicaragua a crise alimentaria no Sahel, ou o conflito en Siria.
Ademais, grazas a cooperación conxunta dotase materialmente un fondo de emerxencias para ter a disposición de maneira permanente material de resposta para atender as emerxencias que poidan acaecer no centro loxístico do que Farmamundi ten en Paterna, Valencia.