Noticias de Cooperación Gallega
19/03/2014
Xeral

O Parlamento de Galicia aproba o III Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento

O Parlamento de Galicia aprobou o III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, o documento que rexerá a política de cooperación exterior da Xunta de Galicia para os vindeiros catro anos.
A votación tivo lugar tras a presentación do Plan por parte do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen destacou a participación todos os axentes galegos, especialmente as ONGD, “columna vertebral do sistema galego de cooperación”.
Na súa intervención, Gamallo explicou que se trata dun plan “realista, adaptado ao contexto económico e financeiro actual e dotado dun carácter máis estratéxico”. “Un plan feito en Galicia e para Galicia”, subliñou, que vai permitir “manter viva a política galega de cooperación para o desenvolvemento e, en consecuencia, garantir a continuidade do sistema galego de cooperación”.
Axuda concentrada e especializada
Entre as principais novidades deste III Plan Director destacou especialmente dous aspectos: a concentración xeográfica e a especialización da axuda naqueles sectores nos que Galicia conta con valor engadido ou vantaxes comparativas e sobre os que dispón de experiencia acreditada.
Neste sentido, a Cooperación Galega concentrará os seus recursos en dez países prioritarios: Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador, Mozambique e Cabo Verde. Todos eles absorberán un mínimo de entre o 75 e o 80 por cento dos recursos destinados pola Xunta á cooperación exterior.
En canto aos sectores de especialización -que concentrarán entre o 80 e o 90 por cento da axuda- establécense sete áreas prioritarias: agricultura e desenvolvemento rural, pesca e acuicultura, educación, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica e abastecemento de auga e saneamento, saúde xeral e programas sobre saúde sexual reprodutiva.
Canalización das axudas
O orzamento do Plan para este 2014 -o primeiro ano de execución do Plan Director- é de algo máis de catro millóns de euros, cos que se busca reforzar a coherencia das políticas de cooperación en todos os niveis da administración autonómica, garantir a previsibilidade dos recursos dispoñibles e mellorar os instrumentos polos que se canalizan as axudas.
Cómpre lembrar tamén que as convocatorias públicas de axudas para actividades de cooperación continuarán sendo a forma de canalización de fondos máis importante da Cooperación Galega nos vindeiros catro anos, xa que entre o 70 e o 75 por cento dos gastos da Dirección Xeral de Exteriores canalizaranse a través de convocatorias públicas de concorrencia competitiva.
No que atinxe aos axentes galegos para a cooperación, o Plan busca fortalecer a súa capacidade técnica e institucional para, deste xeito, lograr unha cooperación máis eficaz e de calidade; promover a diversificación das súas fontes de financiamento; establecer alianzas estratéxicas cos axentes galegos e recoñecer a complementariedade entre todos os actores de cooperación.
Rendición de contas e transparencia
O documento tamén lle dedica un apartado á necesidade de impulsar a transparencia informativa sobre as actividades de cooperación, onde se renda contas á cidadanía galega dos logros colectivos. Así mesmo prevé a elaboración dunha estratexia galega de educación co fin de promover unha cidadanía galega participativa e comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible.
Por último, o III Plan Director da Cooperación Galega prevé unha actualización da normativa da Cooperación Galega. No período de execución do Plan Director procederase á elaboración dunha nova Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento, actualizada e adecuada ao contexto actual.