Celebración dun encontro de mozos e mozas en Santiago de Compostela con motivo da clausura da edición 2013-2014 do proxecto da cooperación galega enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Este acto consistiu nun encontro de todos os participantes no proxecto, que se celebrou na Sala Capitol, en Santiago de Compostela, e ao que asistiron máis de 400 alumnos e alumnas e unha vintena de docentes dos centros beneficiarios do dito proxecto, ademais de membros das ONGD participantes no mesmo (Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Intervida, Mundo Cooperante e AGARESO) e 3 mozos representantes dunha radio comunitaria salvadoreña (Radio Tehuacán). Igualmente, asistiu ao encontro unha representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No encontro puxéronse en común as reflexións dos participantes no proxecto sobre “o mundo que queremos construír”, mostráronse os traballos fotográficos e radiofónicos realizados durante o curso e disfrutaron de diversas actuacións musicais.
O proxecto Cooperación galega: O mundo que queremos xurdiu da coordinación entre a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e as ONGD galegas, coa finalidade de impulsar a Educación para o Desenvolvemento (EpD) nos ámbitos educativos formais, non formais e informais. Empregando como paraugas temático os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), proporcionáronse ao profesorado ferramentas para traballar contidos como a igualdade de oportunidades, a defensa do medio ambiente, a cobertura de necesidades básicas ou o respecto dos dereitos humanos.
Nesta edición participaron cinco centros públicos galegos: o IES de Melide, o CPI Virxe da Cela de Monfero, o IES Carlos Casares e o IES Eduardo Blanco Amor, ambos os dous de Ourense e o IES Eduardo Pondal de Santiago Compostela.
O proxecto tentou explorar o potencial educativo da comunicación a través da interacción entre os centros educativos galegos participantes e Radio Tehuacán, unha emisora comunitaria situada na zona sur do Salvador, que tamén foi financiada pola Cooperación Galega.
Todo este proceso de intercambio entre as realidades galega e salvadoreña culminou coa visita de tres mozos e mozas de Radio Tehuacán aos cinco centros educativos participantes e ao encontro final de hoxe.
O Plan Proxecta é unha iniciativa de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que busca a integración na planificación anual dos centros de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo.