Noticias de Cooperación Gallega
14/04/2014
Xeral

Acto central da Campaña Mundial pola Educación na sede do Valedor do Pobo

A sede do Valedor do Pobo abriu as súas portas aos embaixadores e embaixadoras da Campaña Mundial pola Educación (CME) nun acto para achegar á comunidade educativa, á clase política e á cidadanía en xeral as súas reivindicacións a favor do dereito á educación para todos e todas, que satisfaga as súas necesidades básicas de aprendizaxe e enriqueza as súas vidas, tal e como recolle no artigo 24 da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

Baixo o lema “Sumemos capacidades. Polo dereito a unha educación inclusiva” acudiron á xornada 25 nenos e nenas do CEIP Nº2 de Tui, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, AMICOS de Ribeira e o CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, como embaixadores e embaixadoras que representan a máis de 3.000 alumnos e alumnas galegos que cada ano traballan nesta Campaña.

O acto centrouse na lectura por parte dos/as alumnos/as de manifestos dirixidos ao Valedor do Pobo con peticións a favor da educación inclusiva, achegando tamén as súas valoracións os profesores e profesoras de alumno/as con necesidades especiais.

José Julio Fernández e Jesús Gamallo recolleron a luva afirmando que desde as súas respectivas responsabilidades o seu traballo sempre será o de defender os dereitos da cidadanía galega e, especialmente, a dos nenos e nenas pola súa maior vulnerabilidade.

Así mesmo, a modo de conclusión, os colectivos participantes fixéronlle entrega a José Julio Fernández e Jesús Gamallo dun paraugas de diferentes cores con peticións acerca das necesidades educativas, sobre a non discriminación e a igualdade de oportunidades que requiren as persoas con discapacidade.