A Xunta participa en Toledo no VII encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación ao desenvolvemento.
A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, participou esta semana no VII Encontro de Comunidades Autónomas e cooperación ao desenvolvemento, que tivo lugar en Toledo os días 8 e 9 de maio, e ao que asistiron representantes de todas as Comunidades Autónomas e da Administración Xeral do Estado.
Os representantes das Comunidades Autónomas incidiron na necesidade de abordar de xeito conxunto os retos de futuro da cooperación descentralizada, para o cal é preciso avanzar nos procesos de coordinación, complementariedade e división do traballo, superando a lóxica diferenciadora que acompaña ás políticas de cooperación descentralizada. Todo isto co fin de superar a actual fragmentación, duplicidade e solapamento de esforzos.
Froito de todas as deliberacións aprobouse unha declaración institucional, asinada por todas as Comunidades Autónomas, na que se fai fincapé na vontade de aumentar a súa axuda oficial para o desenvolvemento a medida que mellora e se consolida a recuperación económica, de establecer unha programación conxunta da Acción Humanitaria da Cooperación Española coas Comunidades Autónomas que favoreza a concentración das axudas e garanta a eficacia dos fondos e de impulsar a Educación para o Desenvolvemento como campo propio de actuación do nivel autonómico. Así mesmo, recolle a creación de dous grupos de traballo sobre harmonización de normativa e sobre estratexias de coordinación de Educación Para o Desenvolvemento nos que Galicia participará.
Estes encontros xurdiron como espazos de debate e reflexión da cooperación descentralizada española co fin de buscar canles para una maior coordinación e complementariedade das accións de desenvolvemento das distintas administracións autonómicas e para plantexar propostas de traballo conxunto. Nestes momentos nos que a cooperación descentralizada se enfronta a importantes dificultades e retos, faise necesario reflexionar de forma conxunta para tratar de identificar e por en marcha mecanismos que permitan unha maior coordinación e eficacia da Axuda Oficial ao Desenvolvemento procedente de todos os actores do sistema español de cooperación.
As anteriores edicións deste Encontro foron organizadas polas Comunidades Autónomas de Aragón, Estremadura, Illas Baleares, Navarra, País Vasco e Cataluña. A edición do ano 2015 terá lugar en Madrid.