O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reúnese con dous técnicos da Administración de Augas do Norte de Mozambique
O Proxecto de “Partenariado de apoio técnico á consolidación da Administración Rexional de Augas do Norte (ARA- Norte) de Mozambique” foi aprobado pola Comisión Europea a finais de 2011 no marco do 10th European Development Fund ACP- EU Water Facility, por un importe de 531.980 euros, dos cales a Xunta -a través da Dirección xeral de Relacións Exteriores e coa EU- aporta 138.000 euros (nun período de 3 anos). Esta é a primeira ocasión na que o Goberno galego recibe fondos europeos para un proxecto destas características.
Pola súa parte, Augas de Galicia é o encargado de executar o proxecto, desde que comezase no ano 2012, aportando a súa experiencia na xestión de bacías hidrográficas. O proxecto está baseado no fortalecemento institucional da ARA Norte (organismo encargado da xestión das bacías hidrográfica do norte de Mozambique), empregando como referente a experiencia da Administración Hidráulica de Galicia na xestión de bacías hidrográficas, que virán a coñecer a nosa Comunidade.
A estadía dos técnicos da ARA Norte en Galicia ten unha duración dun mes dividido entre as cidades de Santiago e A Coruña. Durante a primeira parte da estadía, e co obxectivo de reforzar os lazos institucionais e establecer vínculos entre ambos organismos, os técnicos están a afondar no traballo que realizan os diferentes departamentos de Augas de Galicia cun completo programa de actividades que inclúe visitas a actuacións de referencia no territorio galego. Entre os traballos que desenvolverán destacan a visita ás instalacións da presa do encoro de Baíña, en Baiona, e o acompañamento en traballos de campo como o control de vertidos e calidade das augas ou as inspeccións de empresas e instalacións.
A segunda parte da visita consistirá en formacións técnicas en xestión de recursos hídricos coa Universidade da Coruña, quen tamén forma parte do grupo de apoio do proxecto, a Universidade Politécnica de Cataluña) e a empresa Amphos 21 Consulting, SL.
O carácter prioritario de Mozambique aparece recollido nos tres plans directores que rexeron a Cooperación Galega, cunha asignación de preto dun millón de euros nos últimos cinco anos. O país africano estase a converter nun referente para propiciar unha maior concentración xeográfica e especialización sectorial da axuda galega, de tal maneira que a rexión de Cabo Delgado e os sectores da auga e saneamento básico, xunto á pesca e a acuicultura, centran as intervencións máis recentes, coa participación de Augas de Galicia e CETMAR.