Publicada a Orde de convocatoria de subvencións para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, a executar polas Universidades galegas
Esta novidosa convocatoria enmarcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, que na súa liña de acción 6.2 promove a cultura avaliativa, de investigación e aprendizaxe. Pretendese que as investigacións financiadas aporten valor para o conxunto do sistema galego de cooperación mellorando a súa calidade e eficacia.
A convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para dúas categorías ou tipoloxías de proxectos diferenciadas:
1.-proxectos de investigación sobre cooperación para o desenvolvemento, incluída a educación para o desenvolvemento, e sobre a aplicación da tecnoloxía para o desenvolvemento humano, sendo imprescindible que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e o seu contido estea claramente relacionado con esta área, non sendo financiables as colaboracións científicas sen esta dimensión.
2.- proxectos para a creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación na materia no SUG.
A convocatoria conta cunha dotación total de 152.000 euros , 76.000 euros para a anualidade 2014 e 76.000 euros para a anualidade 2015, correspondentes en todo caso ao capítulo IV de gastos correntes.
Serán entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema Universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 9 de agosto de 2014.