Noticias de Cooperación Gallega
08/09/2014
Xeral

O mundo da cooperación celebra hoxe 8 de setembro o Día das Persoas Cooperantes

 No ano 2006, coincidindo coa aprobación polo Consello de Ministros do Estatuto do Cooperante, estableceuse en España o 8 de setembro como día especialmente dedicado ao colectivo de traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor profesional no exterior, en colaboración coa poboación dos países beneficiarios da política de axuda para o desenvolvemento. Trátase dunha data que coincide coa sinatura, no ano 2000, da Declaración do Milenio, nun compromiso histórico de traballo conxunto para erradicar a pobreza extrema no mundo.

Desde a Xunta de Galicia recoñecemos o labor diario deste colectivo que desenvolve un traballo profesional que supón a garantía da calidade e a eficacia dos proxectos desenvolvidos nos países empobrecidos, aínda que en ocasións se trata dun traballo silencioso e pouco visible que non ten recoñecemento que se merece.

Dado o agravamento nos últimos anos da situación das persoas cooperantes que traballan en zonas especialmente conflitivas, como aquelas que actualmente traballan nas zonas afectadas pola epidemia do virus do ébola, un dos principais retos da Administración é garantir que estes profesionais realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta a especialidade dos lugares onde desenvolven o seu traballo. Coa aprobación no ano 2006 do Estatuto do Cooperante estableceuse un marco normativo que dignifica o traballo deste colectivo.

A nova etapa que imos iniciar no ano 2015, coa adopción dunha nova axenda para o desenvolvemento que substitúa e amplíe os ODM, deberá ter en conta ao colectivo dos cooperantes como eixo e peza fundamental da engrenaxe da maquinaria da cooperación para o desenvolvemento.