Noticias de Cooperación Gallega
02/10/2014
Xeral

O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibe aos novos bolseiros e bolseiras da Cooperación Galega

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesus Gamallo, recibiu aos bolseiros que se incorporarán aos seus destinos en América Latina e África e na sede da Dirección Xeral nos vindeiros días. Son os adxudicatarios das oito bolsas de formación en cooperación para o desenvolvemento, convocadas polo Goberno galego para este ano.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, fixo especial referencia na súa intervención á importancia da formación de persoal experto no ámbito de cooperación para o desenvolvemento, recollida no Plan director da cooperación galega 2014-2017, no obxectivo de fomentar a formación nos ámbitos de cooperación para o desenvolvemento.
Gamallo destacou a utilidade deste instrumento para facilitar ao persoal bolseiro unha experiencia para familiarizarse cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, o beneficio que supón para a Administración, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.
O director xeral, incidiu na importancia de que os novos bolseiros e bolseiras entran a formar parte da familia dos cooperantes galegos polo que lles corresponde ser embaixadores da Cooperación Galega alí onde vaian. Segundo explicou, realizarán un labor solidario e achegarán a súa contribución á construción dun mundo no que a xustiza e a igualdade non sexan só palabras e boas intencións e desexoulles a todos que a experiencia que van vivir sexa o máis satisfactoria posible, tanto no ámbito da formación como no persoal.
Os novos bolseiros e bolseiras incorporaranse a diferentes destinos en distintos organismos nacionais e internacionais de cooperación para desenvolvemento en países prioritarios da cooperación galega: dous deles recibirán a formación na sede da Dirección Xeral, 5 incorporaranse a distintas oficias técnicas de cooperación da AECID en Latinoamérica e África, concretamente a Nicaragua, Perú, República Dominicana, Ecuador e mais Mozambique, e un ao organismo multilateral de Nacións Unidas FAO, na súa representación en Guatemala. O período de formación abranguera ata o 30 de xuño de 2015.

A xornada de presentación dos bolseiros continuará o vindeiro luns cunha vista a sede da AECID en Madrid.