No marco do proxecto O Mundo que queremos, estudantes de Castroverde traballan a educación en valores a través de obradoiros de radio, fotografía e teatro
O CPI Castroverde acolleu hoxe o primeiro obradoiro de educación en valores de ‘O Mundo que queremos’ no que se incidiu sobre as desigualdades sociais e as causas que as perpetúan, facendo partícipe desta problemática ao alumnado e remarcando o seu papel transformador na consecución dun mundo máis xusto. Presentáronse ademais iniciativas de cooperación internacional que a Xunta de Galicia apoia en países empobrecidos a través das ONGD.
‘O mundo que queremos’ é un proxecto de educación para o desenvolvemento que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais, neste caso a través da comunicación (podcast e imaxes) como medio para sensibilizar e transformar.
O fío temático do proxecto son os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado “teatro da oprimida”. O proxecto inclúe asemade a visita aos institutos de persoas dos países do Sur vinculadas á cooperación para o desenvolvemento e un encontro final intercentros no que todo o alumando participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante a duración do proxecto.
Ademais do CPI Viaño Pequeno, oito centros de Educación Secundaria (IES Félix Muriel de Rianxo, CPI Castro Baxoi de Miño, IES A Cachada de Boiro, IES Beade, IES Moncho Valcarde de As Pontes, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, IES Alfoz-Valdouro e CPI Viano Pequeno de Trazo) están inscritos nesta segunda edición na que participan a máis de 565 alumnos e alumnas e 25 profesores e profesoras.
‘O mundo que queremos’ está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) e o grupo de Teatro dxs oprimidxs 100tolas. O proxecto conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Para máis información:
María Caride: 981 243 506/ 626 913 681
Montse Fdez.: 610 495 601
Correo electrónico: c.omundoquequeremos@gmail.com
Página web: http://omundoquequeremos.org
Facebook: https://www.facebook.com/pages/O-mundo-que-queremos/793720850656726?fref=ts
Twitter: https://twitter.com/omundoqqueremos