O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participa en Trujillo na Comisión Interterritorial de Cooperación para o desenvolvemento
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na localidade estremeña de Trujillo nunha reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, onde confirmou que Galicia se sumará no ano 2015 ao Convenio especifico para a programación conxunta da acción humanitaria, achegando 50.000 euros anuais para este fin.
Así mesmo o director xeral informou de que a Xunta está elaborando unha disposición de carácter xeral para regular todas as actuacións relacionadas coa acción exterior das Administracións Públicas galegas, en consonancia coa Lei 2/2014, de 25 de marzo, da Acción e do Servicio Exterior do Estado, no que se recollerá a forma de proceder en relación aos informes de non duplicidade.
A Comisión Interterritorial valorou moi positivamente a evolución da política de cooperación para o desenvolvemento levada a cabo pola Xunta de Galicia, tanto polo nivel de execución dos orzamentos destinados a dita política como polo grao de cumprimento das actuacións recollidas nos distintos Plan Anuais, o que está permitindo o mantemento do sistema galego de cooperación.
Así mesmo Jesús Gamallo sinalou que Galicia afondará na súa colaboración na elaboración dos Marcos de Actuación País (MAP) que se propoñan para os países prioritarios da Cooperación Galega e manifestou o interese de Galicia en organizar no ano 2016 a xuntanza da Comisión Interterritorial e o Encontro Anual de Comunidades Autónomas e Cooperación, onde se analizará a evolución e os resultados da colaboración entre as CCAA e a Administración Xeral do Estado á hora de definir e executar unha política coordinada que mellore o impacto das actuacións nas persoas beneficiarias dos proxectos de desenvolvemento.
Na reunión tratáronse temas de interese común para as distintas administracións presentes na Comisión, como a situación do convenio marco para o reforzo da coordinación e complementariedade da cooperación española (xa asinado por Galicia no ano 2013) e o convenio específico para a programación conxunta da acción humanitaria, ao que se ten previsto que se sumen a partir do ano 2015 a meirande parte das comunidades autónomas.
Así mesmo, informouse aos representantes das comunidades autónomas sobre a Política de Avaliación da Cooperación Española, na que se destacou o proceso de elaboración participativa e coordinada coa cooperación descentralizada; sobre as actuacións previstas para o vindeiro ano europeo do desenvolvemento que se presenta como unha oportunidade clave para sensibilizar á opinión pública sobre os logros acadados pola Cooperación Española e Europea durante os pasados anos; ou a reforma da AOD e a ferramenta on-line info@od grazas á cal España mellorou no Índice Mundial de Transparencia da Axuda Internacional.
Por outra banda, con carácter previo á celebración da Comisión Interterritorial, celebrouse durante o día de onte unha xornada de intercambio de boas prácticas entre as Comunidades Autónomas en cooperación para o desenvolvemento, no que participaron representantes da Xunta de Galicia.
A Comisión Interterritorial é un órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as Administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación ao desenvolvemento. Presidida polo Secretario Xeral de Cooperación Internacional, Gonzalo Robles, nela participan representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das CC.AA. e das Entidades locais.