Noticias de Cooperación Gallega
30/12/2014
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

• Proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
• Microproxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD) ou polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento
• Proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior de ONGD ven publicándose dende o ano 1995. A convocatoria ten carácter bianual (2015-2016), salvo microproxectos que é anual, e será financiada cun importe total de 3.650.000 euros, conforme a seguinte distribución:

• Proxectos no exterior de ONGD: 2.870.000 € (1.435.000€ no ano 2015 e 1.435.000€ no 2016).
• Microproxectos no exterior de ONGD e outros axentes sociais: 80.000 € no ano 2015.
• Proxectos no exterior doutros axentes: 700.000 € (350.000 € no ano 2015 e 350.000 € no 2016).

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e, microproxectos no exterior executados polas ONGD e polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Os proxectos e microproxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2015, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2015. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e, coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, financiaranse dous proxectos individuais ou en agrupación, ou un microproxecto. Ademais, as entidades que presenten solicitudes á convocatoria de proxectos no exterior non poderán presentarse á convocatoria de microproxectos no exterior e viceversa.

Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 30 de xaneiro de 2015.