O Consello da Xunta aproba o Plan anual 2015 da Cooperación Galega
O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2015 da cooperación galega para o desenvolvemento, que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros e que recolle os compromisos, os medios de actuación e os recursos orzamentarios do goberno galego para este ano, de acordo xa coas orientacións establecidas no III Plan director da cooperación galega 2014-2017.
O plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse todas as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a cooperación galega como son as de proxectos no exterior, fortalecemento e consolidación de ONGD, educación para o desenvolvemento, acción humanitaria e bolsas de formación. Así mesmo, asínanse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o FOGACOSOL e as universidades galegas, entre outros.
Este plan anual está enmarcado no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial desta, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións.
Actuacións 2015
No marco das actuacións previstas para este ano está previsto cubrir os compromisos adquiridos no ano 2014 con aquelas ONGD e universidades ás que se lles aprobaron proxectos na convocatoria pública de educación para o desenvolvemento e de investigación para o desenvolvemento. Isto significa que un total de 23 proxectos iniciados no 2014 terán asegurado o financiamento para a súa continuación e remate no ano 2015. Así mesmo, respéctanse os compromisos dos convenios asinados coa Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e asegúrase a continuidade das 8 bolsas de formación de expertos en cooperación que se iniciaron no 2014.
Dentro das novas actuacións, publicaranse as liñas de axudas tradicionais da cooperación galega para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, para proxectos de educación para o desenvolvemento (EpD) promovidos polas ONGD, para proxectos de fortalecemento de ONGD e para proxectos de acción humanitaria. Ademais, convocaranse novamente as bolsas de formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento.
Manterase así mesmo unha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia que garanta que no ano 2015 a Xunta poida responder cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria.
Asínanse convenios coa Coordinadora Galega de ONGD para actividades de formación e sensibilización, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para actividades de formación e sensibilización e coas universidades galegas para consolidación do proxecto “Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento”. Así mesmo, seguirase realizando cooperación técnica en materia de pesca e acuicultura, como se vén realizando en colaboración coa Fundación CETMAR, apostando por unha orientación estratéxica da cooperación mediante proxectos de asistencia técnica que faciliten a transmisión de coñecementos e tecnoloxía aos países do Sur, como Mozambique, Perú ou Centroamérica.
Finalmente, avanzarase na necesaria avaliación das actuacións financiadas pola cooperación galega para mellorar a calidade da axuda, dando cumprimento aos compromisos establecidos no III Plan Director da Cooperación Galega. Así, tense previsto realizar a avaliación dos proxectos financiados desde 2007 en Cabo Verde, e publicarase e darase difusión ao Informe 2014 da Cooperación Galega para dar cumprimento ao principio de transparencia que debe orientar a xestión da cooperación.