Noticias de Cooperación Gallega
13/03/2015
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e consolidación e fortalecemento de ONGD

Esta convocatoria enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando para iso a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos e potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade. Tamén se aposta pola consolidación e fortalecemento das ONGD como actores chave na consecución da política pública de cooperación para o desenvolvemento en Galicia.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para actividades de educación para o desenvolvemento, e para consolidación e fortalecemento de ONGD, cunha dotación de 450.000 € (180.000 no 2015 e 270.000 no 2016), distribuídos como segue:

- Proxectos de educación para o desenvolvemento de ONGD: 325.000 € (130.000 e en 2015 e 195.000 € en 2016)
- Proxectos para consolidación e fortalecemento de ONGD: 125.000 € (50.000 € en 2015 e 75.000 e en 2016)

No capítulo relativo aos proxectos de educación para o desenvolvemento, as ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d)Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

No capítulo de axudas de Educación para o Desenvolvemento, as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades, mentres que no capítulo de axudas para consolidación e fortalecemento de ONGD, só poderán presentar un proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 13 de abril de 2015.