Noticias de Cooperación Gallega
14/04/2015
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, participou hoxe na presentación do espazo web da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou hoxe na presentación do espazo web da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento que tivo lugar hoxe na sede da Reitoría da Universidade de Santiago.

Jesús Gamallo que estivo acompañado pola vicerreitora adxunta de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Carmen Segura; polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da UVigo, Manuel Fernández e pola vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da UDC, Natalia Álvarez, destacou que a colaboración da Xunta co sistema universitario galego no ámbito da cooperación para o desenvolvemento non é algo recente, senón que se remonta ao ano 2004. Neste senso, recalcou a satisfacción da Xunta de Galicia pola materialización deste espazo web, expresión da coordinación e o traballo conxunto entre Cooperación Galega/a Xunta de Galicia e as tres Universidades galegas.

No marco do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 encadrase a aposta polo fortalecemento do papel das universidades para apoiar a formación e capacitación especializada e para a promoción da investigación na materia no ámbito universitario, polo que dar cumprimento ao Plan Director, no ano 2014, publicouse por vez primeira unha convocatoria de proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento dirixida a equipos e grupos de investigación do sistema universitario de Galicia (SUG), no marco da cal se están financiado 5 proxectos, e asinouse tamén, un convenio de colaboración coas tres universidades galegas para a conformación dunha Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento- RGCUD, e foi no marco deste convenio onde se elaborou esta web que hoxe se presenta.

Está previsto neste ano 2015 a institucionalización dun servizo de asesoramento e formación para a comunidade universitaria, a a creación de capacidades e de espazos compartidos de traballo das comunidades universitarias do Sistema Universitario Galego (SUG), referentes á análise da axenda post-2015, á procura de financiamento externo, ao fomento da participación das comunidades universitarias, e á construción de alianzas público privadas no marco da Eurorrexión Galicia -Norte de Portugal, e a a visibilización do traballo en Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento e Educación para o Desenvolvemento entre a comunidade universitaria, así como na sociedade no seu conxunto, facilitando a procura de sinerxías de traballo, para o que a web hoxe presentada é unha ferramenta esencial.