Noticias de Cooperación Gallega
15/04/2015
Xeral

A Xunta colabora con Farmamundi para atender as necesidades básicas en saúde da poboación refuxiada urbana de somalís e sur sudaneses en Nairobi, Kenya.

A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia para atender a 2.000 refuxiados urbanos somalís e sur sudaneses en Nairobi, Kenya.
En concreto, grazas a axuda da Xunta de Galicia contribúese á mellora das condicións sociosanitarias dos refuxiados urbanos na capital do país. Trátase fundamentalmente de somalís e sur sudaneses que chegan a kenya fuxindo dos conflitos nos seus países. A poboación refuxiada urbana está composta por aquelas persoas que, por diversos motivos, son incapaces ou se resisten a vivir nos campos de refuxiados e que viven integrados coa poboación local nas cidades, en asentamentos ilegais, en condicións de gran vulnerabilidade.
O número de persoas refuxiadas urbanas tense incrementado de 27.000 no 2001 a uns 90.000 actualmente. No chamamento internacional (Global Appeal, nas súas siglas en inglés) de ACNUR para este 2015 insta á prestación de apoio e asistencia para promover o acceso a terreos adecuados e a promoción dos servizos básicos de saúde, educación a estas persoas.
Con esta intervención proverase de clínicas médicas móbiles para a asistencia en saúde e servizos de hixiene, con especial énfase na inmunización e vacinación dos nenos e nenas menores de 5 anos, mulleres embarazadas e lactantes.
Para a posta en marcha da intervención contarase coa colaboración da Foundation for Health and Social Economic Development África, HESED- África, habitual socio local de Farmamundi no terreo que coordinará o seu traballo co Ministerio de Saúde kenyano e co Refugee Consortium of kenya, institución responsable da provisión de axuda integral á poboación refuxiada urbana, así como da participación nos foros nacionais e internacionais de incidencia na elaboración de políticas e lexislacións que garantan os dereitos deste colectivo.
Esta intervención enmárcase dentro do convenio de colaboración que dende o ano 2009 mantén a Xunta de Galicia coa entidade Farmamundi co obxecto de atender ás necesidades mais urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humana.
Ao longo destes anos de colaboración se teñen activado operativos de resposta ante as diferentes emerxencias acaecidas como o terremoto en Haití, os tifóns Ketsana e Hayan en Filipinas, o conflito na República Democrático do Congo ou en Siria, ou as crises alimentarias no Sahel e no Corno de África.