O proxecto ‘O mundo que queremos’ reunirá a cerca de 600 estudantes en Compostela
Cerca de 600 estudantes de 9 institutos galegos, inscritos na segunda edición do proxecto ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’, participan mañá nun encontro intercentros en Compostela, onde presentarán os resultados deste proxecto de educación para o desenvolvemento. Financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’.
O encontro, broche final deste proxecto, terá lugar entre as 11.00 e as 13.30 horas na Sala Capitol, ata onde se achegarán estudantes e profesorado de Secundaria de Boiro, Rianxo,Trazo, Alfoz-Valadouro,Miño,Beade,Viana do Bolo, Castroverde e As Pontes.
O evento contará coa participación de tres persoas de República Dominicana, O Salvador e Guinea Bissau vinculadas á cooperación para o desenvolvemento, e que durante dúas semanas estiveron percorrendo os centros de ensino para explicarlle ao alumnado o traballo que están a realizar nas súas organizacións, e como utilizan o teatro e a radio como medio de sensibilización e denuncia nas súas comunidades. No transcurso da xornada, exporanse asemade os traballos producidos a partir dos obradoiros de radio e fotografía impartidos pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
O encontro estará dinamizado polo grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’, que participou do proxecto empregando co alumnado a técnica do teatro foro, é dicir, a exposición dunha opresión para a que as rapazas e rapaces tiñan que representar solucións. Do apartado musical encargarase de novo Secta Selecta, que é parte do colectivo ‘Pachamama Crew’, unha agrupación integrada por artistas de orixe ecuatoriana. Con letras contundentes e unha enriquecedora mestura de estilos, o grupo afincado en Madrid emprega a música como ferramenta e motor de cambio social.
O proxecto
'O mundo que queremos' é un proxecto de educación para o desenvolvemento integrado na plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, que promove a Consellería de Educación. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais a través da comunicación (podcast, imaxes e teatro) como medio para sensibilizar e transformar, e utilizando como fío temático os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Para máis información:
María Caride (coordinadora do proxecto): 981 243 506 / 626 913 681
Montse Fdez.: 610 495 601
Correo electrónico: c.omundoquequeremos@gmail.com
Páxina web: http://omundoquequeremos.org/
Facebook: http://on.fb.me/19XMvcW
Twitter: https://twitter.com/omundoqqueremos