Noticias de Cooperación Gallega
22/04/2015
Xeral

Xunta e Farmamundi dotan de alimentos e artigos de primeira necesidade a 2.000 refuxiados sirios vítimas do Estado Islámico

A Vicepresidencia da Xunta e a ONGD Farmamundi volven colaborar nunha intervención de emerxencia para atender as necesidades básicas de miles de refuxiados sirios, como consecuencia da recente ofensiva do Estado Islámico en Damasco.

Con esta intervención proverase de alimentos e artigos de primeira necesidade a 2.000 persoas durante dous meses. A intervención realizarase en colaboración con JAFRA Foundation for Relief and Youth Development, o habitual socio local de Farmamundi no terreo, que coordina o seu traballo con ACNUR e UNRWA. O custe ascende a 10.000 euros.

O domingo 15 marzo de 2015 cumpríronse catro anos do conflito sirio que, segundo ACNUR, é "a peor crise humanitaria do noso tempo" e o conflito que maior número de persoas desprazadas ten xerado, como revelan os datos da Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios das Nación Unidas (OCHA).

Antes do conflito, o campo de refuxiados de Al Yarmouk, situado a 8 quilómetros ao sur de Damasco, foi o fogar de preto de 160.000 persoas, a maioría refuxiados palestinos. Instalado no 1957, Al Yarmouk en poucos anos tornouse nun dos maiores campos de Oriente Medio e nun dos distritos mais populosos e importantes da capital Siria.

Todo comezou a cambiar cando, tras a eclosión do conflito interno, Al Yarmouk convértese nun punto de recepción da poboación desprazada internamente, chegando a acomodar máis Dun millón de persoas durante o verán de 2012. A situación complicouse cando unha parte do campo é tomada polos rebeldes e as tropas do goberno responden sitiando a zona, impedindo a entrada e saída de persoas e produtos para a atención das necesidades básicas, como alimentos, materiais médicos, combustible, etc .

Por esta razón, a maioría das persoas foxen en busca doutros lugares mais seguros, quedando atrapados no campo unhas 18.000 persoas que teñen sido vítimas de bombardeos e violentos enfrontamentos entre o Exército e grupos rebeldes. Desde xullo de 2013, preto de 200 civís morreron por falta de comida, medicinas, atención médica adecuada e disparos dos francotiradores. O bloqueo do campamento continúa ata hoxe, e para empeorar a situación, unha ofensiva do autodenominado Estado Islámico (EI) tivo lugar o día 1 de abril e, desde entón, a situación só empeorou.

A presidenta do Consello de Seguridade da ONU, a embaixadora xordana Dina Kawar, pediu que se posibilite a entrada no campo para garantir a axuda humanitaria. Segundo informes recentes de OCHA, a Media Luna Roja, CICR e UNRWA, confírmase que algunhas familias fuxiron dende o campo a zonas adxacentes e actualmente se acomodan nos distritos veciños de Yalda, Beit Sahem e Babbila. Das 4.000 persoas que teñen fuxido, 2.500 foron aloxados en Yalda, 1.000 en Babila e 500 en Beit Sahm, onde a pesar de ter unhas condicións máis estables en canto a seguridade, non se da cobertura as súas necesidades básicas.

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. Ao longo destes anos se teñen activado operativos de resposta ante diferentes emerxencias, como o terremoto en Haití, os tifóns Ketsana e Hayan en Filipinas, o conflito na República Democrático do Congo ou en Siria ou as crises alimentarias no Sahel e no Corno de África.