Noticias de Cooperación Gallega
11/05/2015
Xeral

A Xunta e Unicef colaboran para atender as necesidades básicas de auga e saneamento tras o terremoto de Nepal

 A Xunta de Galicia, a través da súa Vicepresidencia, vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Unicef - Comité Galicia para das resposta á emerxencia humanitaria tras o terremoto de Nepal.
O obxecto deste acordo é atender as necesidades básicas en auga e saneamento da poboación afectada polo sismo de magnitude 7,9 na escala Ritcher que o pasado 25 de abril golpeou o leste da capital de Nepal, no Val de Katmandú. Para este fin o Goberno galego fará unha achega de 25.780 euros.
O Estado nepalí ten declarado o estado de emerxencia nos distritos afectados e activado os grupos de coordinación sectorial ou clúster humanitarios, dos que o clúster de WASH -auga e saneamento- é liderado pola organización internacional en defensa da infancia, UNICEF.
Estimase que unha cuarta parte do territorio e preto de 8 millóns de persoas, 2,8 millóns de nenos e nenas, están afectadas. Segundo o último balance oficial de vítimas, contabilízanse preto de 7.500 mortos e de 14.500 feridos, cifras que seguirán aumentando a medida que se vaian coñecendo os datos nas zonas mais remotas ás que aínda non se ten acceso.
No III Plan Director da Cooperación Galega, aprobado polo Consello da Xunta e polo Parlamento galego, identifícase a acción humanitaria e de emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación e establécese a necesidade de promover a presenza da cooperación galega na acción multilateral.