Noticias de Cooperación Gallega
26/06/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA APOSTA POLA SENSIBILIZACIÓN DAS MOZAS E MOZOS EN POLÍTICAS EXTERIORES E DE AXUDA AO DESENVOLVEMENTO

A Xunta de Galicia está a apostar pola sensibilización das mozas e mozos galegos de cara ás políticas exteriores e de axuda ao desenvolvemento. Esta mañá entregáronse en Santiago os premios correspondentes a Galicia do concurso Euroescola 2006, no que participaron un total de 66 centros de ensino secundario da nosa comunidade e preto de 1.000 en todo o Estado.

Este certame promovido pola Comisión Europea celebrou a súa decimo terceira edición entre o 20 de febreiro e o 6 de abril pasados a través de internet baixo o lema “A Unión Europea no mundo: A política exterior e a axuda para o desenvolvemento”. É un xogo interactivo que consiste na resolución dunha serie de probas de coñecemento e habilidade relativas á Unión Europea, a política exterior e a axuda ao desenvolvemento por parte de equipos formados por 10 estudantes de entre 13 e 18 anos liderados por un profesor.

Trátase de conseguir que a mocidade dos distintos países da Unión Europea se achegue aos distintos aspectos da realidade comunitaria, coñecendo as iniciativas e axudas existentes enfocadas ao desenvolvemento e á cooperación internacional da UE.

Co apoio a este programa a Xunta de Galicia pretende que a mocidade galega se interese polas problemáticas de distintos ámbitos sociais, fomentando así a participación activa dos máis novos en todas as esferas da sociedade. Téntase ademais que a xuventude coñeza máis polo miúdo e se involucre ao mesmo tempo, nun ámbito tan crucial e de actualidade, como é o da política exterior e as axudas ao desenvolvemento.

Euroscola 2006 contou co apoio da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e da Fundación Galicia Europa.

Persoas premiadasAs institución europeas e españolas promotoras do concurso premiaron aos gañadores (un por comunidade) coa asistencia ao Parlamento Europeo de Estrasburgo e cunha bolsa de viaxe de 600 euros. En Galicia este premio recaeu no IES Perdouro de Burela.

Cinco finalistasAdemais, a Xunta de Galicia decidiu conceder accesits aos cinco colexios finalistas na Comunidade Autónoma. Deste xeito, concedeuse unha estadía en Santiago de Compostela para todos eles -a través da Dirección Xeral Xuventude e Solidariedade-, un lote educativo e informativo para os centros escolares e unha cesta de produtos de Comercio Xusto a todos os membros dos cinco equipos finalistas –por parte da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Fundación Galicia Europa-.

As cinco equipas finalistas de Galicia foron:

- IES Perdouro de Burela (Lugo); equipa “ies perdouro”- IES Ramón Otero Pedraio de Ourense, equipa “solidotero”- IES Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras (Lugo), equipa “lauro olmo”- IES Perdouro de Burela (Lugo); equipa “perdouro”- IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (A Coruña), equipa “ies Rosalía”.

O acto de entrega dos premios celebrouse este mediodía en Santiago. Nel participaron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, o subdirector da Fundación Galicia Europa, Manuel Morán, e a xefa de Gabinete da Dirección Xeral de Cooperación Exteiror da Xunta de Galicia, Marta Álvarez.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacou no acto de entrega dos premios, a importancia dunha mocidade comprometida co que pasa ao seu arredor e non indiferente, porque a indiferenza, dixo “é cómplice de moitas das inxustizas e miserias que se dan no mundo”. Aos mozos que asistiron ao acto, pediulles que teñan “paixón” por cambiar esas inxustizas e por facer un mundo máis habitable.

O subdirector da Fundación Galicia Europa, Manuel Morán, lembroulles ás rapazas e rapaces que “somos privilexiados” por vivir nunha zona do mundo que posúe “moitas comodidades para o desenvolvemento da vida cotiá” e que “hai que aproveitar esas facilidades para cambiar o mundo e facer extensivas esas comodidades a todos os habitantes do planeta”.

Pola súa banda, Marta Álvarez, da Dirección Xeral de Cooperación Exteiror, trasladoullles ás rapazas e rapaces premiados a importancia das accións a prol do desenvolvemento humano, facendo especial fincapé nas políticas de comercio xusto. Explicoulles que o Goberno galego está a potenciar esta liña de traballo e pediulles a súa colaboración para que “os traballadores, sexan do sur ou do norte, reciban a mesma retibución polo mesmo traballo”.

Campaña falemos de Europa A décimo terceira edición do concurso Euroscola 2006 enmarcouse na campaña “Falemos de Europa”, que conmemora os 20 anos de España na Unión Europea. A Oficina do Parlamento Europeo e a representación da Comisión Europea en España convocaron e organizaron esta iniciativa a nivel estatal.