Otras noticias
29/07/2007
Outras novas

COOPERACIÓN EXTERIOR ADXUDICA MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS A PROXECTOS EN AMÉRICA E ÁFRICA

 

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior adxudicou 5.170.454 euros ao financiamento de 83 proxectos de cooperación no exterior e de sensibilización e fortalecemento, o que supón un incremento de preto do 20% con respecto ao ano anterior. O obxectivo destas axudas, que beneficiarán de forma directa e indirecta a máis dun millón de persoas, é contribuír ao desenvolvemento integral e mellorar as condicións de vida de distintos países de África, Centroamérica e América do Sur.

Desta cifra global, máis do 87% dos recursos dedicaranse integramente a 42 proxectos de cooperación que se canalizan a través de universidades, ONGD, empresas e sindicatos, mentres que o 13% restante permitirá o financiamento de 41 programas de sensibilización e fortalecemento das organizacións non gubernamentais, co obxecto de mellorar a súa calidade e eficacia e potenciar unha maior participación da sociedade galega neste ámbito.

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presentou hoxe as subvencións correspondentes á convocatoria do 2007, na que concorreron 146 proxectos, orientados fundamentalmente ao desenvolvemento de programas económicos, educativos e sociais e a mellora das condicións sanitarias destes países.

Durante a presentación, Fabiola Sotelo destacou o aumento da calidade dos proxectos presentados e incidiu en que se fixo unha selección “rigorosa” co fin de garantir que os recursos “cheguen de forma directa aos beneficiarios”. Salientou ademais o progresivo aumento da presenza en África e nas zonas máis desfavorecidas, onde o número de proxectos aumentou o dobre con respecto ao ano anterior.

Fabiola Sotelo explicou tamén que este investimento representa o 55% do orzamento da Dirección Xeral de Cooperación Galega para o 2007, de forma que o 45% restante destinarase a proxectos xestionados de xeito directo pola Xunta de Galicia, coa colaboración de distintos axentes de cooperación asegurando a integración e colaboración entre todos. Actualmente, desenvólvense xa este tipo de iniciativas en Centroamérica (programa rexional de pesca), Cabo Verde, Colombia, Senegal, Cuba, Perú, Ecuador e Bolivia e están en proceso de identificación e formulación programas en Guatemala, Mozambique e República Dominicana, entre outros.

Distribución de recursos por países e por sectores

Do total do investimento desta convocatoria, un 44,2% dos fondos destinaranse a proxectos de cooperación en Centroamérica, un 24,9% a países de África e o 30,9% restante a América do Sur, cunha especial atención as zonas mais desfavorecidas. A distribución de proxectos por países é a seguinte:

As subvencións concedidas pola Dirección Xeral de Cooperación Galega permitirán impulsar importantes accións de cooperación en distintos sectores. Así, dos 42 proxectos de cooperación exterior, 18 deles están centrados principalmente en atender as necesidades sociais básicas dos habitantes destes países, 12 á creación de infraestruturas e a promoción do tecido económico, 2 á investigación, transferencia e intercambio de coñecemento e tecnoloxía, 4 á defensa do medio ambiente e forestal, 6 á participación social, dereitos humanos e desenvolvemento das institucións e estructuras democráticas.

Entre estes proxectos recóllense tamén accións destinadas a mellorar as condiciones de vida e formación das mulleres, xa que teñen un papel esencial no impulso da actividade económica e productiva destas comunidades. De feito, un total de 18.130 de los 85.478 beneficiarios directos destes proxectos de cooperación son mulleres.

Durante este acto, Fabiola Sotelo presentou a memoria do 2006 durante o que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior apoiou a realización de 111 proxectos desenvolvidos en 29 países por universidades, ONGD, empresas, sindicatos e mesmo pola propia administración. Os principais obxectivos centráronse na defensa dos dereitos humanos, a atención as necesidades sociais básicas, o acceso á educación e a sanidade, a mellora da situación das mulleres, a defensa do medio ambiente, a axuda humanitaria e de emerxencia e a participación social e desenvolvemento das institucións e estructuras democráticas.