COOPERACIÓN EXTERIOR ESTUDA VÍAS DE COLABORACIÓN EN DEREITOS HUMANOS COA UNIVERSIDADE DE CUENCA (ECUADOR)
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse esta mañá co Reitor da Universidade de Cuenca (Ecuador), Jaime Astudillo Romero, e coa directora Centro de Estudos Americanistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pilar Cagiao Vila, para analizar posibles vías de colaboración en materia de Dereitos Humanos.
O reitor da Universidade de Cuenca presentou á directora xeral de Cooperación os proxectos que están a desenvolver nesta rexión ecuatoriana en materia de atención aos fillos das presidiarias. Segundo explicou, as cárceres de Cuenca están saturadas e faise necesario actuar para garantir o cumprimento dos dereitos máis básicos dos seres humanos. En concreto, referiuse á actuación que se está a levar a cabo a través da Aula de Dereitos Humanos desta universidade ecuatoriana para dar acollida aos fillos das mulleres convictas.
O réxime penitenciario ecuatoriano xa non permite que as nais convivan cos seus fillos dentro das instalacións das cárceres, polo se fai necesario dar acollida a aqueles menores en situación de desprotección. Dende este organismo universitario se está a crear unha fundación para crear e xestionar unha serie de garderías e centros de acollida para estes rapaces.
A Aula de Dereitos Humanos da Universidade de Cuenca conta con dúas liñas de actuación, a teórica, a través da cal xeran coñecemento e analizan a situación concreta de diversos colectivos sociais, e a práctica, coa que actúan na educación a favor dos dereitos humanos dende unha óptica do desenvolvemento. Segundo manifestou o reitor ecuatoriano, non se pode entender un réxime de respecto dos dereitos humanos sen ter en conta un mínimo de desenvolvemento que o fagan posible.
Así mesmo, informáronlle a Fabiola Sotelo que a finais deste ano obterán a licenciatura preto de 200 estudantes de procedencia indíxena, os primeiros que obteñen este título na historia da Universidade de Cuenca. A partir desta experiencia, están a traballar para crear a Cátedra de Estudos Indixenistas nesta universidade ecuatoriana para afondar na análise da realidade multicultural da zona e permitir que a sociedade máis tradicional atope vínculos de conexión co ámbito académico universitario.
O reitor da Universidade de Cuenca reunirase esta tarde co seu homólogo da USC para asinar un convenio marco de colaboración.