Noticias de Cooperación Gallega
05/06/2006
Xeral

A XUNTA COLABORARÁ NA IMPLANTACIÓN DUN SISTEMA DE E-LEARNING NA MESTRÍA DE TECNOLOXÍA DE ALIMENTOS DA UNIVERSIDADE PERUANA DE LA MOLINA

A Xunta de Galicia colaborará na implantación dun sistema e-learning na Mestría de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade peruana de La Molina. Así llo confirmou esta mañá a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, ás responsables deste proxecto na institución andina Fanny Ludeña e Gladis Tarazona nun encontro no que tamén participaron os directivos da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Esta nova iniciativa enmárcase dentro da colaboración existente entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Aula de Produtos Lácteos da USC, o CESGA e a Universidade Agraria de La Molina para o desenvolvemento de proxectos que melloren a sanidade e rendibilidade dos produtos agrícolas das comunidades andinas.

Na actualidade, xa se está a traballar nun proxecto de implantación dun simulador virtual en industrias lácteas en Perú como ferramentas de formación e desenvolvemento, no marco do proxecto Pil-Perú.

O Pil-Perú está en marcha dende o mes de xullo de 2004 para establecer unha liña permanente de colaboración que permitise asegurar un sistema de comunicación entre Lima e Santiago mediante tecnoloxías de comunicación por terra e satélite para intercambiar información e formación estable entre a USC e a Universidade de La Molina na área de tecnoloxía de alimentos.

Para iso, dotouse a área de coñecemento da Universidade da Molina dos medios necesarios, incluíndo hardware e software de tele-ensinanza como o simulador de produción deseñado pola Aula de Produtos Lácteos da USC.

Trátase de favorecer o desenvolvemento e a formación continua e reglada nas industrias lácteas do Perú, e por extensión a América Latina. Se este proxecto piloto funcionase correctamente, estenderíase a súa aplicación aos países considerados prioritarios para a Cooperación Galega.

Universidade de La MolinaA Universidade Nacional Agraria La Molina é unha entidade educativa do Estado peruano que ten como finalidade crear profesionais de excelencia académica e proxectar á comunidade os avances nas diferentes ciencias agrícolas e pecuarias. Foi inaugurada en 1902 e actualmente conta con 8 facultades (Agronomía, Ciencias, Ciencias Forestais, Economía e Planificación, Industrias Alimentarias, Enxeñería Agrícola, pesquiería e zootecnia)

Este centro ten unha ampla experiencia na asistencia técnica a produtores lácteos artesanais, que leva a cabo mediante mecanismos de capacitación presencial na mesma zona rural ou no campus universitario. Os cursos realízanse unha ou dúas veces ao mes ao longo de todo o ano cunha asistencia de 30 alumnos de media, na Planta Piloto de Leite, en Lima.

Os asistentes, maioritariamente campesiños e produtores integrados na pequena e mediana empresa leiteira así como estudantes doutras universidades e institutos, reciben formación na elaboración de derivados lácteos (queixos, iogurte, mantequilla, xelados, doce de leite), no control de calidade, comercialización, marketing, xestión empresarial e boas prácticas de manufactura.

Con este novo sistema de e-learning, dentro da futura Mestría de Tecnoloxía de Alimentos, poderían achegar información e formación aos produtores rurais para incrementar as cotas de rendibilidade e salubridade dos seus produtos sen necesidade de desprazarse a Lima.