Máis dun millón de universitarias e universitarios do estado español non teñen acceso a ningunha materia sobre dereitos humanos de carácter obrigatorio. Así o detectou o informe As Universidades españolas, á cola de Europa en formación obrigatoria en dereitos humanos que presentou Amnistía Internacional (AI) en Madrid.
A organización internacional revisou 300 plans de estudo de trece países e territorios europeos que demostran o escaso compromiso cos dereitos humanos na educación superior tanto no Estado español como nos seus países veciños.
Amnistía destaca o exemplo da carreira de Mediciña, que, aínda que está destinada a formar a profesionais encargados de identificar e atender a vítimas de tortura, malos tratos, violencia de xénero e outras violacións de dereitos humanos, ningún dos plans de estudo conta con materias de dereitos humanos, nin obrigatorias nin optativas.
Respecto da implantación da nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos nos colexios de primaria e secundaria, a organización opina que supón un primeiro paso na dirección correcta cara á creación dunha cultura en dereitos humanos nas aulas, pero recorda que este debe completarse na educación universitaria.
Fonte: CanalSolidario