Roma, 4 de xuño de 2008.- No marco da “Conferencia de Alto Nivel sobre a Seguridade Alimentaria Mundial: os Desafíos do Cambio Climático e a Bioenerxía”, o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, anunciou o seu compromiso de poñer en marcha un paquete de medidas para paliar a crise alimentaria, cuxo orzamento é de 500 millóns de euros ata o 2012.
PAQUETE DE MEDIDAS
Estas medidas financiarán fondos que tentarán mellorar a curto prazo a protección social dos pequenos agricultores e programas específicos para menores de 5 anos dos países específicos. A medio e a longo prazo España participará no deseño dun plan para desenvolver as zonas rurais de América Latina e África e un programa de intercambio de tecnoloxía no sector agrícola e pesqueiro.
No seu discurso, Zapatero insistiu en que cómpre desenvolver políticas internacionais centradas no fomento e na produción alimentaria. Tamén mencionou o bloqueo na OMC respecto da Rolda de negociación de Doha, onde é preciso chegar a un acordo sobre cuestións agrícolas.
España acollera en outono “unha reunión internacional co obxectivo de confirmar a posta en práctica do plan global de acción da ONU e para elaborar unha Carta de Dereitos de Seguridade Alimentaria”.
REPERCUSIÓN DO CUMIO
Mais de 40 xefes de estado e de goberno asisten a este encontro, ademais do Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon. Todos os grupos parlamentarios españois aprobaron onte unha proposición non de lei pola que se insta ao Goberno a procurar e atopar solucións para loitar contra esta crise alimentaria.
En Galicia, a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento emitiu un comunicado de prensa co gallo desta conferencia, dende o que se esixe “aos gobernos do Norte medidas para solucionar a situación de crise alimentaria mundial”. Tal e coma menciona a Coordinadora, “o incremento dos prezos dos produtos básicos débese, sobre todo, aos erros dunhas políticas agrarias mundiais focalizadas cara ao comercio e non cara a alimentación humana”.