Otras noticias
17/06/2008
Outras novas

CO PETRÓLEO OU CONTRA EL?: OS MOVEMENTOS SOCIAIS PLANTAN CARA AO CUME DO PETRÓLEO

O Congreso Petroleiro Mundial aglutina desde fai 75 anos á maioría dos países produtores (salvo Iraq) e á totalidade das empresas do sector. Por primeira vez na súa historia, este Foro organizarase en Madrid, do 28 de xuño ao 3 de xullo.

E aínda que o lema do 19º World Petroleum Congreso de Madrid é "Un Mundo en Transición: Fornecendo enerxía para un desenvolvemento sostible", ONG e movementos sociais como Acsur, Attac, Ecoloxistas en Acción, Enxeñería sen Fronteiras ou Sos Racismo, entre moitas outras, critican que os plenarios, as sesións especiais, as comidas de traballo e as reunións entre diversos ministerios estatais de enerxía e petróleo son de perfil "marcadamente técnico e non incorporan ningún tipo de reflexión máis aló das propias para garantir a subministración, as posibilidades de mellora nas extraccións ou como idear novas refinerías".

"Neste Congreso quérennos presentar ao lobby petroleiro como un colectivo que soña e é humano. Mentres que nos últimos anos o petróleo tivo un papel protagonista en guerras, agresións contra os pobos, desastres ecolóxicos e está na base dun modelo de consumo irresponsable e insostible", explican os organizadores do Encontro Social Alternativo ao Petróleo (ESAP).

O ESAP pretende que o Congreso do Petróleo non oculte esta realidade e quere denunciar que os "desmáns" destas corporacións con "xigantescos beneficios económicos empobrecen aos países expoliados dos seus recursos naturais".

Por que rexeitar a reunión segundo as ONG

As entidades participantes no ESAP explican que o gasto de enerxía no mundo segue en "extraordinario" crecemento arrastrado por unha economía globalizada, o aumento do seu consumo por habitante e, moi de lonxe un retardado aumento da poboación mundial.

"A industria do petróleo e o gas, que controla o 60% do consumo enerxético (36% petróleo e o 24% gas), reúnese en Madrid para dicirnos que debemos apoiar o seu negocio e permitirlles seguir sacando petróleo, porque non poderiamos ter unha calidade de vida "digna" sen el", sinalan.

Pola contra, segundo os seus organizadores, o Encontro Social Alternativo ao Petróleo, terá como obxectivo pór en común os coñecementos e experiencias de investigadores e activistas de países do Norte e do Sur, sobre os impactos das empresas do cru nas comunidades humanas e o ecosistema e buscar alternativas á dependencia do petróleo.

Marea negra cidadá

O Encontro Social Alternativo organizará tamén accións e manifestacións nas rúas, unha das máis rechamantes será a que busca "inundar" Madrid cunha "marea negra humana, solidaria, ecolóxica e xusta". O vindeiro domingo 22 de xuño convocouse unha concentración na praza do Sol de Madrid. Todas as persoas que desexen mostrar o seu rexeitamento ao cume deb vestir de negro e sumarse a esta acción reivindicativa.

Para as persoas que non poden acudir ás actividades organizadas en Madrid o ESAP creou un manifesto ao que che podes sumar coa túa firma.

FONTE: canalsolidario.org