Otras noticias
24/09/2008
Outras novas

CONVOCATORIA PARA O FORO SOCIAL GALEGO 2008

Por primeira vez en Galicia terá lugar un Foro Social Galego (FSGal), enmarcado no proceso do Foro Social Mundial e cumprindo a súa Carta de Principios. Terá lugar en Santiago de Compostela do 5 ao 7 de decembro.

O FSGal non é unha organización, nin un colectivo, nin unha rede, nin pretende representar á sociedade civil. É un espazo de converxencia entre movementos sociais, de intercambio de ideas e de preparación de accións, de procura de alternativas á orde neoliberal imperante no planeta.

O FSGal desenvolverase de forma horizontal, coa adhesión e compromiso dos diferentes movementos sociais galegos e con actividades propostas e autoxestionadas por estes. Non ten, entón, unha dirección, tan só un Consello dinamizador encargado de coordinar todas as propostas para elaborar un programa e de procurar e facilitar os espazos necesarios para o desenvolvemento do Foro.

Participar e propor actividades

Para participar no FSGal cada colectivo ou persoa individual debe primeiro facer a súa adhesión. Os cartos destas adhesións certifican o compromiso co proceso do FSGal e sobre todo garanten a súa independencia, xa que non se solicitarán subvencións nin se aceptará o patrocinio de empresas. As adhesións poden facerse ata o 15 de novembro e será de 100 euros por colectivo ou de 10 euros por persoa a titulo individual.

A proposta de actividades debe facerse a través da páxina web do foro, tendo en conta que:

Antes de propor unha actividade os colectivos deben facer a adhesión ao FSGal. Para garantir o desenvolvemento e publicidade da actividade existe unha cota de 100 por cada actividade, que se comparte entre varios colectivos. Priorizásense actividades conxuntas entre colectivos ou organizacións para evitar a repetición de temas.

O prazo de presentación de actividades remata o 30 de setembro.

MAIS INFORMACIÓN