Noticias de Cooperación Gallega
10/01/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO APOSTA POR “DIGNIFICAR E INCLUÍR” A COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO NA ACCIÓN POLÍTICA DOS GOBERNOS

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, apostou esta mañá en Lugo por “dignificar e incluír” a cooperación ao desenvolvemento na acción política dos Gobernos. No acto inaugural das I Xornadas de Cooperación Exterior organizadas por Cruz Vermella, Sotelo apostou por “fortalecer os medios materiais e humanos” para erradicar a pobreza e as súas causas e comprometeu un incremento dos fondos da Administración autonómica para esta finalidade.

Na súa intervención, a directora xeral de Cooperación Exterior reiterou o compromiso da Xunta na loita contra o empobrecemento e destacou que dende o departamento que dirixe se está a traballar para que, no horizonte da lexislatura, os orzamentos destinados á cooperación ao desenvolvemento se multipliquen por oito. Neste sentido, manifestou que as actuacións neste eido terán un caracter “transformador” e serán “fundamentais” nas políticas da Xunta de Galicia.

“Galicia debe integrarse definitivamente nunha comunidade internacional cada vez máis interrelacionada e avanzar no seu compromiso cos procesos de loita contra a pobreza e as súas causas, na procura dunha globalización na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma”, dixo.

Traballo a prol da solidariedade en LugoFabiola Sotelo expresou o seu recoñecemento, neste sentido, polo “traballo a prol da solidariedade” que se está a realizar en Lugo e valorou o esforzo do concello lugués neste eido, “un dos primeiros de Galicia en dedicar unha partida á cooperación internacional e en integrarse no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co que participa activamente”.

Tamén destacou a directora xeral o labor de sensibilización e educación para o desenvolvemento que realiza Cruz Vermella na área de Xuventude, así como as iniciativas da Universidade de Santiago neste terreo. “É un exemplo máis das accións que se fan dende Lugo nos ámbitos da cooperación e comercio xusto”, dixo e trasladoulles o seu “respecto e felicitación” por elo.

I Xornadas de Cooperación InternacionalA directora xeral de Cooperación Exterior subliñou a relevancia da celebración destas primeiras Xornadas de Cooperación Internacional e sinalounas como “un espazo para o debate e o intercambio de ideas e experiencias entre os distintos actores da cooperación”, tanto lucenses como galegas.

Trátase dun encontro organizado pola Cruz Vermella que reunirá en Lugo ao longo de tres días a diversos especialistas en cooperación exterior, emerxencias humanitarias, así como a comunicadores e xornalistas especializados nestas áreas.

Na xornada de hoxe intervirán o responsable autonómico de Cooperación Internacional de Cruz Roja española en Galicia, Fidel Martín Rocha; o Coordinador do Programa Asturiano de Dereitos Humanos e membro do colectivo de colombianos refuxiados en Asturias, Javier Orozco; así como o xornalista Manuel Darriba da Axencia Transmedia, que falará da experiencia en comunicación en cooperación en Namibia.

O xoves abordaranse os “novos retos nas emerxencias humanitarias” e “a importancia dos medios de comunicación na cooperación internacional”. Para falar deste último tema participarán xornalistas de La Voz de Galicia, El Progreso, Cadena Ser e Miguel Angel Rodríguez, do departamento de Comunicación de Cruz Roja Española. Xa pola tarde, proxectaranse materiais audiovisuais sobre actuacións en El Salvador e nos Balcáns.

Para rematar, o venres analizarase o futuro da cooperación internacional en Galicia e debaterase sobre a protección dos xornalistas en conflitos bélicos e actuacións de Cruz Vermella en Tanzania