Este luns comeza en Buenos Aires o ciclo de seminarios informativos que achegarán a realidade da Unión Europea e as posibilidades e ferramentas de cooperación económica, universitaria e científica aos cidadáns da República Arxentina.
Trátase dunha iniciativa do Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, a través da Fundación Galicia Europa e da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires para promover a discusión e a reflexión sobre o proceso de integración europea, as súas características, as posibilidades de interacción coa sociedade arxentina e a súa posible influencia nos procesos de integración rexional no contexto de América Latina.
A presenza dos cidadáns galegos na maioría dos países latinoamericanos representa unha porta de entrada privilexiada para facer chegar esta información a través deles e dos seus ámbitos de influencia.
A Xunta de Galicia, co apoio da Comisión Europea, traballa para aproveitar a rede de galegos no exterior para divulgar as actividades da UE nas diferentes áreas de actuación, comunicar as oportunidades que ofrecen as institucións europeas para distintos sectores sociais e profesionais, e, nomeadamente, dar a coñecer á poboación arxentina e americana as características da cidadanía europea. Dos 315 Centros Galegos existentes en todo o mundo, 70 atópanse en Arxentina. Esta experiencia servirá como modelo para estendela a máis sitios onde a presenza de cidadáns galegos permita reproducir o formato.
Cooperación científica, económica e universitaria
O primeiro dos seminarios informativos versou sobre a cooperación científica e levouse a cabo este luns na sede da Delegación da Xunta de Galicia na capital arxentina, coa participación do Coordinador da oficina de enlace Arxentina-UE do Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Goberno da Nación, Aldo Fabris, quen analizará a participación de Arxentina no Sétimo Programa Marco de I+D.
A apertura da sesión correrá a cargo da Delegada da Xunta de Galicia, María Xosé Porteiro García, e tamén intervirán Nicolás Wernike, experto en cooperación internacional, e a representante da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Cristina Caamaño.
En total, serán tres seminarios cos que a sociedade galega pretende afianzar a ponte existente entre Europa e América Latina a través de Galicia. Nos seguintes encontros, que se desenvolverán en lugares representativos da colectividade galega no país, participarán representantes do máximo nivel da Oficina da Comisión Europea en Arxentina, o Decano da Escola de Política e Goberno da Universidade Nacional de San Martín, Marcelo Cavarozzi, o director da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, Xavier Calviño; a Conselleira de Educación da Embaixada de España en Arxentina, Inés Sereno, e o Coordinador de Políticas Universitarias do Programa Mercosur e Catedrático de Socioloxía da Universidade de Buenos Aires, Javier Hermo, entre outros.
O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, será o encargado de pechar o ciclo de seminarios.
FONTE: XUNTA DE GALICIA