Ao celebrarse o sesaxésimo terceiro aniversario da nosa Organización, únome a vostedes para celebrar o Día das Nacións Unidas.
É este un ano crucial na vida das Nacións Unidas. Acabamos de deixar atrás o punto medio da loita por cumprir os obxectivos de desenvolvemento do Milenio, que son a plasmación da nosa visión común para construír un mundo mellor no século XXI. Agora vemos con maior claridade que nunca que as ameazas do século XXI non perdoan a ninguén. Nin o cambio climático, nin a propagación das enfermidades e as armas mortíferas, nin o flaxelo do terrorismo se deteñen ante as fronteiras. Se anceiamos promover o ben común mundial, debemos asegurar os bens públicos mundiais.
Segue habendo moitos países que non van ben encamiñados para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento do Milenio antes da data fixada, 2015. Tamén me preocupan profundamente os efectos da crise financeira mundial. Xamais tiveron tanta importancia o liderado e as alianzas.
Todo iso fai aínda máis notable o éxito da Reunión de Alto Nivel sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que celebramos en setembro, na cal formamos unha coalición ampla para o cambio: gobernos, directores executivos de empresas e sociedade civil. Xeramos compromisos sen precedentes en forma de promesas de contribucións e alianzas para axudar aos pobres do mundo.
Aínda non se fixo o reconto final, pero o monto total prometido na reunión sobre os obxectivos de desenvolvemento do Milenio podería superar os 16.000 millóns de dólares.
As alianzas de colaboración son a fórmula do futuro. Fixémonos no progreso logrado respecto da malaria.Grazas ás actividades mundiais nese eido está agora ao noso alcance conter unha enfermidade que causa a morte dun neno cada 30 segundos. E iso estase a acadar mediante unha planificación de enfoque preciso nos países, maior financiamento, unha xestión mundial coordinada e unha ciencia e tecnoloxía de primeiro rango.
Necesitamos modelos como estes para facer fronte a outros desafíos, incluído o cambio climático, ao achegarse as conferencias de Poznan e Copenhague. Necesitámolos para cumprir todos os demais obxectivos de desenvolvemento do Milenio.
Sigamos avanzando por esta vía. Non hai tempo que perder. As Nacións Unidas han de producir resultados para un mundo máis seguro, máis san e máis próspero. Neste Día das Nacións Unidas, pido a todos os asociados e dirixentes que fagan o que lles corresponde e cumpran a promesa.
FONTE: NACIÓNS UNIDAS