DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS- 60 ANIVERSARIO (1948-2008)A Declaración Universal dos Dereitos Humanos celebra o 10 de Decembro o seu 60 aniversario. O feito de seren estes dereitos recoñecidos debémolo, en boa medida, ás persoas que se sacrificaron e mesmo deron a súa vida por facelos realidade. A Declaración Universal de 1948 é o resultado dun proceso secular de declaracións de dereitos. O carácter de universalidade e quizás o máis orixinal e salientable desta Declaración, nacida nun contexto xeopolítico –certamente– occidental, pero aberta á consideración dunha gran familia humana con dereitos iguais e inalienables, que han fundamentar a libertade, a xustiza e a paz no mundo.Unha Declaración perfectible
A Declaración é imperfecta, no sentido de non acabada e, polo mesmo, perfectible. Debe ser entendida de forma dinámica. Non estamos a falar dun código fósil, definitivo. Os dereitos humanos non son ahistóricos. Son o feliz producto dunha dialéctica, dunha toma de conciencia e iluminación histórica que nos acerca máis e máis á xustiza, á liberdade, e á fraternidade. Non deberiamos entender os dereitos humanos como unha caixa de caudais intocable e pechada á inclusión de novos dereitos que iluminen e humanicen aínda máis as nosas relacións.Unha práctica mellorableNestes últimos 60 anos temos mellorado, se ben de maneira moi desigual nos diversos contextos nos que se moven as persoas e os pobos. Por tal motivo é obrigado prestar atención á dialéctica entre Declaración” e “Práctica real do declarado”. Lonxe de todo conformismo, debemos verificar o contraste entre o ideal que estes Dereitos representan e a súa deficiente realización histórica, porque a historia dos dereitos humanos é tamén a da súa continua e sistemática violación. A conciencia e memoria destas insuficiencias e contradicións, móvenos a seguir impulsando este proceso de humanización que entraña a realización dos Dereitos Humanos; humanización que temos que defender por canto os Dereitos Humanos esmorecen sen a decidida vontade de defendelos.
Defender e denunciar, porque as violacións de dereitos no ano 2008 seguen a ser unha lamentable realidade que se está a producir nos diversos continentes e culturas, nos diversos Estados, non só os gobernados por rexímenes autoritarios e ditatoriaissenón tamén nas chamadas democracias formais. Basta repasar o “Estado do Mundo” nos anuarios económicos e xeopolíticos dos últimos anos, ou os Informes de Amnistía Internacional para constatar a penosa situación na que viven millóns de seres humanos que deberían ser, e non son, beneficiarios de dereitos.
As Nacións Unidas, as diversas ONGs, os sindicatos…, non deixan de mostrar a súa crecente preocupación diante dos efectos provocados por unha orde económica internacional inxusta. A desigualdade da división social do traballo, do acceso á tecnoloxía, o inxusto reparto dos beneficios como consecuencia das actuais estruturas de intercambio e das inversións, etc., son mostras ben coñecidas desta inxusta situación. O tópico da “igualdade de oportunidades” está moi lonxe de ser unha realidade, mesmo nos réximes de democracia avanzada.
Unha protección máis efectiva
Na nosa iniciativa 2008 queremos manifestar o desexo de que a realización e protección dos Dereitos Humanos sexa cada vez máis efectiva. Neste sentido precisamos, tanto a nivel nacional como internacional, dunhas institucións políticas e dun sistema xudicial que favorezan e non entorpezan a realización e gozo dos dereitos. Porque é moi triste recoñecer que mentres, a escala mundial, o respecto ós dereitos humanos é aínda moi baixo, o nivel de impunidade para os violadores de dereitos é moi alto. Por tal razón apoiamos a idea da Xustiza Universal coa vixencia dun Tribunal Penal Internacional e a reforma do sistema de institucións internacionaispara acadar unha auténtica gobernanza democrática planetaria. Unha progresiva ampliación dos Dereitos Desexamos tamén a progresiva ampliación do concepto de Dereitos Humanos como incluír o Dereito Humano á Paz, por exemplo, ou o recoñecemento dos chamados Dereitos de Solidariedade. Si os dereitos individuais e políticos corresponden a primeira xeración de dereitos, os económicos e sociais, á segunda, os ambientais á terceira, fálase xa dunha cuarta xeración para os asuntos relacionados coa ciencia, a tecnoloxía e as comunicacións. Por último queremos destacar tres violacións de dereitos humanos que, por desgraza, teñen máis tráxica actualidade:
1ª. A TORTURA. Chégase mesmo a falar de “tortura de baixa intensidade” como resposta fronte ao terrorismo, que se realiza en cárceres especializadas, de sobra coñecidas e moitos países aínda manteñen a PENA DE MORTE.
2ª. A VIOLENCIA DE XÉNERO. Temos que propoñer e defender un modelo de sociedade que parta da equiparación dos sexos, e que reduza e mesmo chegue a eliminar a violencia contra as mulleres, con resultado de morte.
3ª. A INMIGRACIÓN. Un fenómeno complexo que resulta do dereito á libre circulación, para saír do propio país, pero tamén para entrar no outro, combinado co dereito á vida, a saúde e a dignidade. Tratalo co máximo respecto e intensidade política é unha obriga de solidariedade e de xustiza.MÁIS INFORMACIÓN
FONTE: SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ