Otras noticias
18/11/2008
Outras novas

IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO RECIBE O PREMIO EU TAMÉN NAVEGAR

O vindeiro sábado 22 novembro Implicadas/os No Desenvolvemento será recoñecida coa entrega do III Premio "Eu tamén navegar. Para unha Galiza sen violencia de xénero.", outorgado pola Secretaría Xeral da Igualdade. A ONG galega recibirá este premio en recoñecemento aos seus 10 anos de traballo, dende Galicia e como organización galega, a prol da igualdade e os dereitos das mulleres, tanto nos países empobrecidos como no noso país, como parte dun movemento común e inseparable.

Os 5.000 euros da dotación económica do premio serán destinados ao proxecto para a erradicación do infanticidio feminino que Implicadas ten no distrito indio de Salem e que pretende, a través da sensibilización e o seguimento pre e posnatal, eliminar os asasinatos de nenas ao nacer que, como é de coñecemento popular, prodúcense aínda con regularidade no país asiático.

Implicadas leva traballando na zona dende maio do 2007 e pretende ampliar o proxecto tanto en familias beneficiarias como no tempo e nos eidos de actuación. A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado día 22, ás 12.00h, no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago (Rúa das Oblatas s/n)

FONTE: IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO