Noticias de Cooperación Gallega
11/01/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO DEFENDE EN MADRID UNHA COOPERACIÓN GALEGA DE “TRABALLO CONXUNTO” CO ESTADO, AS AUTONOMÍAS E OS MUNICIPIOS PARA INCREMENTAR A “CALIDADE E A EFICACIA DAS AXUDAS”

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, defendeu esta mañá en Madrid unha cooperación galega de “traballo conxunto” co Estado, os Gobernos autónomos e cos municipios para incrementar “a calidade e a eficacia das axudas”. Sotelo participou hoxe nunha xuntanza dos responsables dos departamentos de cooperación das Comunidades Autónomas, organizada pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Neste encontro, no que tamén participaron os coordinadores xerais das Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) en cada un dos países do terceiro mundo nos que colabora o Estado española a través da AECI, analizáronse prioridades sectoriais e xeográficas de cada comunidade autónoma e os plans anuais para 2006. Na súa intervención, Fabiola Sotelo asegurou que aínda que a cooperación galega “é moza”, o “reto do novo Goberno galego foi darlle a este ámbito da política” a “maioría de idade, dotándoo de cabeza política como primeiro paso para a introdución da cooperación ao desenvolvemento na política transversal” da acción da Xunta de Galicia.

No marco destas políticas “transformadoras” a directora xeral de Cooperación Exterior destacou dúas liñas fundamentais que seguirá na súa xestión. “Por unha banda acadar o 0,4% dos orzamentos ao final da lexislatura”, multiplicando por 8 a achega anterior neste capítulo, así como “dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política do Goberno galego, fortalecéndoa en medios materiais e humanos para levala a cabo”.

Máxima colaboración entre todos os actores Sotelo destacou que “en todas as liñas prioritarias de actuación” do Goberno autonómico galego manterá “sempre o requisito básico e imprescindible” de procurar “a máxima colaboración entre todos os actores da cooperación”. Dende a Xunta, -dixo- “non entendemos a cooperación indo por libre senón co requisito de traballar xuntos, sumándonos aos procesos de desenvolvemento e de loita contra a pobreza achegando a nosa experiencia: coa AECI, con outras comunidades autónomas, coa cooperación municipal –a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade- así como cos países receptores”.

Compartir a experiencia sectorial galegaA directora xeral da Xunta ofreceu aos seus colegas “compartir” a experiencia galega en sectores como “pesca, desenvolvemento rural, medio ambiente, novas tecnoloxías –enerxía e comunicacións- e economía social, “onde contamos con moi bos profesionais e experiencia contrastada”.

Catro obxectivos para 2006Fabiola Sotelo anunciou que os catro obxectivos do departamento que dirixe para 2006 serán a aprobación do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 polo Parlamento autonómico, incidir na sensibilización da sociedade civil, unir esforzos e incrementar sinerxías de actuación con outros axentes e comezar un proceso de fortalecemento dos actores da cooperación galega, primando consorcios, impulsando a profesionalización e facilitando trámites administrativos.

Así mesmo, explicou que, dentro da proposta do Plan Director 2006-2009, a Xunta ten previsto dedicar “un mínimo do 70%” dos recursos de cooperación a 16 países considerados “prioritarios” para estas accións. Ente eles citou Angola, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal, no continente africano, e Bolivia, Ecuador, Perú, Cuba, República Dominicana, Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua, en Latinoamérica.

Fabiola Sotelo indicou que outros países, enmarcados dentro da categoría de “menos avanzados” tamén serán destinatarios da axuda ao desenvolvemento da dirección xeral de Cooperación Exterior. Nestes momentos, a Administración autonómica galega destina un 5,74% do seu orzamento para a cooperación a estas rexións, aínda que existe o compromiso de achegarse á cifra do 20%.

Primeira toma de contacto Esta é a primeira xuntanza cos responsables da AECI e dos seus pares das Comunidades Autónomas na que participa a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia dende que asumiu no seu cargo o pasado mes de setembro. Nesta primeira toma de contacto cos seus pares das autonomías e cos responsables da Cooperación no eido estatal, Sotelo trasladoulles a “consciencia” de Galicia na “responsabilidade” de “incrementar a cantidade e, sobre todo, a calidade do traballo contra as causas da pobreza”.