Esta proposta contou co co-financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) na súa convocatoria de ONGD de 2006. As organizacións participantes levamos anos coordinando accións a partir do noso traballo específico de cooperación cos pobos indíxenas, baseado nunha perspectivai compartida de recoñecemento e aplicación efectiva dos seus dereitos, e de respecto cara á súa visión, en moitos casos diversa e distinta, do desenvolvemento e dos camiños posibles para alcanzalo.
Partindo dun enfoque de dereitos, o proxecto identificaba desde a súa formulación dous temáticas concretas, fundamentais en calquera proceso de desenvolvemento e exercicio dos dereitos dos pobos indíxenas: o dereito ao territorio e a participación política. Ademais, establecía claramente os grupos de actores sobre os que se pretendía incidir e os temas que se traballarían con cada un deles, basicamente relacionados coas políticas e accións concretas de cooperación para o desenvolvemento que levan a cabo con estes pobos, así como co xeito en que os seus asuntos son tratados en diversos procesos de investigación e comunicación.
Con esta identificación predefinida, realizáronse en primeiro lugar en Madrid en novembro de 2007 unha serie de diálogos entre oito representantes indíxenas de diversos países latinoamericanos e representantes da AECID, de varias Comunidades Autónomas e do Concello de Madrid; traballadores de medios de comunicación; membros de ONGD; investigadores e profesores universitarios; e activistas de distintos movementos sociais. Os diálogos repetíronse, xunto con outras actividades de sensibilización e difusión das realidades indíxenas, en Barcelona, Bilbao, Valencia e Zaragoza.