Otras noticias
14/01/2009
Outras novas

Unicef presenta o informe sobre o estado mundial da infancia

"Esta é a situación do mundo no século XXI, cando se teñen alcanzado as maiores cotas de benestar da historia", declarou a presidenta de UNICEF - España, Consuelo Crespo, durante a presentación do informe en Madrid, á que asistiu a secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez.

O estudo, feito público hoxe en varios países e cidades españolas, destaca que as mulleres dos países menos adiantados do mundo "teñen 300 veces máis posibilidades de morrer" durante o parto ou debido a problemas no embarazo que as mulleres dos países desenvolvidos. Ningunha taxa de mortalidade é tan desigual como esta entre os países pobres e os países industrializados, asegurou Consuelo Crespo.

De feito, nun mundo no que cada día morren 1.500 mulleres debido a este tipo de problemas, a inmensa maioría destas mortes prodúcense en África e Asia. O risco de morrer por causas relacionadas coa maternidade é de un entre 76 nos países en vías de desenvolvemento fronte a un entre 8.000 nos países industrializados.

Aparte, indica o informe, nos países desenvolvidos a taxa de mortalidade materna mantívose en oito madres falecidas de cada 100.000 nenos nados vivos entre 1990 e 2005, mentres que nos países en vías de desenvolvemento, a taxa aumentou ata os 450 por cada 100.000. En Serra Leona (país coa maior taxa do mundo), é de 2.100 por cada 100.000.

En Irlanda, a taxa de mortalidade por causas relacionadas co embarazo ou o parto (a máis baixa do mundo) é de un entre 47.600, mentres que en Níxer é de un entre sete e en Malí de un entre quince. Aparte destes dous, os países con maior mortalidade materna son Afganistán, Serra Leona, Chad, Angola, Liberia, Somalia, República Democrática del Congo e Guinea - Bissau.

Fonte - Europa Preess