Só unha vintena de países en todo o mundo logrou "avances notorios" nas súas capacidades básicas en materia de educación, saúde e igualdade durante os últimos oito anos segundo o informe “Social Watch 2008” presentado en Madrid pola “Plataforma 2015 y Más”.
O documento relaciona a crise económica global co incremento de violacións de dereitos humanos no mundo e advirte de que non se cumprirán os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
O traballo baséase no coñecido como “índice de capacidades básicas”, un baremo que mide o desenvolvemento dos países atendendo á media de tres indicadores: a porcentaxe de nenos que chegan a quinto grao de ensino primario; a supervivencia ata os cinco anos de idade, e a porcentaxe de partos asistidos por persoal especializado.
Con estes parámetros, o estudo conclúe que dos 176 países analizados, só 21 presentan avances notorios fronte aos 77 países -a maioría deles africanos-, que retroceden no acceso a estes bens esenciais. En paralelo, a situación de 34 Estados é "crítica" e está caracterizada por "retrocesos" e "estancamentos" no desenvolvemento de políticas orientadas a mellorar os citados indicadores.
Así, a previsión de Social Watch estima que, a este ritmo, o África Subsahariana non terá as súas capacidades básicas en niveis aceptables ata o ano 2353, Asia Meridional podería logralo en 2022, Oriente Medio e Norte de África en 2032, mentres que América Latina e o Caribe chegarían en 2027.
Ademais, "a pesar do crecemento económico da maioría das rexións e países en desenvolvemento, a cobertura de necesidades sociais básicas é deficiente e a desigualdade medra porque non se redistribúe a riqueza entre toda a poboación", o que segundo o estudo xa ten consecuencias, como o aumento global de persoas pobres ou o incremento en moitos Estados da brecha entre homes e mulleres, en definitiva, "violacións de dereitos humanos".
Neste sentido, o índice de Equidade de Xénero que incorpora o informe Social Watch sinala que "máis da metade das mulleres do planeta vive en países que non avanzaron na consecución da igualdade entre os dous sexos" durante o último ano. Non en van, as cifras revelan unha brecha salarial entre eles que rolda o 32 por cento a nivel global.
O estudo incide en que as mulleres non superan o 17,5 por cento de representación en cargos políticos e salienta que "incluso en acceso á educación, onde producíranse os maiores avances, hai 27 países que retroceden deixando ás nenas fóra das escolas de primaria".
Segundo Social Watch, no 2008 os peores sitios do mundo para nacer muller foron Chad, India, Exipto, Togo, Costa do Marfil e Iemen; mentres que os países onde mellores índices de equidade entre sexos mantivéronse foron Suecia, Finlandia, Noruega, Alemaña, Ruanda, Bahamas e Dinamarca. No posto número 12 aparece España, cunha mellora relativa do 16,8 por cento nos últimos catro anos.
Fonte:agareso