Otras noticias
19/01/2009
Outras novas

Andalucía e Galicia asinan un acordo con Marrocos

As comunidades autónomas de Andalucía e Galicia puxeron onte en marcha un programa de irmandamento institucional enfocado ao desenvolvemento da rexión Oriental de Marrocos.

A wilaya (goberno civil) desta rexión e a Axencia para o desenvolvemento de  l'Oriental son os dous beneficiarios deste proxecto, para o cal foron elixidos coma socios, respectivamente, a Xunta de Galicia e a Axencia Andaluza de Cooperación Internacional.

O programa, financiado pola Unión Europea (UE), ten unha duración prevista dun ano e está dotado dun orzamento do redor dun millón de euros para cada entidade.

Segundo un comunicado da Embaixada de España en Marrocos e da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID), trátase dunha experiencia piloto no país, pola que as dúas comunidades autónomas españolas transmitirán a súa experiencia en materia de desenvolvemento económico integrado e sostible.

Na cerimonia de ratificación do acordo estiveron presentes, entre outros, o embaixador de España en Marrocos, Luis Planas; o embaixador e xefe da delegación da Comisión Europea en Rabat, Bruno de Thomas; o director de Fondos Europeos da Xunta, José Colino, e o director xeral da Axencia Andaluza de Cooperación, Joaquín Rivas.

A UE financia desde 2003 este tipo de programas de apoio para a posta en marcha do acordo de asociación, concibido para axudar a todas as institucións que contribúen á súa realización.

Fonte:efe

Máis información