Outras novas
19/02/2019
Outras novas

Alumnado de Noia promocionou a Ría da Estrela cun programa de radio contra a pobreza

O pasado 14 de febreiro os mozos e mozas de cuarto da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia dedicaron parte da mañá a realizar un programa de radio na aula para loitar contra a pobreza. A promoción da Ría da Estrela “Nos queremos vivir da nosa ría” e as mensaxes contra as ameazas que esta soporta, “furtivismo, contaminación de augas e areais e precarización da hostalaría, no que se cobran diferentes salarios polo mesmo traballo segundo sexas migrante, muller ou home” foron as mensaxes creadas polos rapaces e rapazas que máis se repetiron durante o programa radial.

Tamén houbo tempo para coñecer Camerún, “Un país co que nos unen as augas do Atlántico”, escoitar algúns consellos para consumir berberechos da Ría da Estrela “Por un consumo local e sostible” e denunciar o consumismo na música trap “Un dos estilos musicais mais escoitados polos adolescentes”.

Nun obradoiro anterior impartido fai varias semanas aprenderon a usar a radio e o vídeo como ferramentas de transformación social e durante estes últimos días estiveron recompilando información para construír os seus propios discursos.

Esta actividade, na que participan máis de noventa alumnos e alumnas de Noia, forma parte do proxecto de Educación en Valores “O Mundo que Queremos” que, durante este curso, está a achegar a oito centros educativos galegos as problemáticas que afectan aos países empobrecidos pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras e participativas como xogos de rol, obradoiros de radio e vídeo, teatro da oprimida ou a visita ás súas escolas de persoas que traballan noutros países fomentando a transformación dos mesmos.

Cooperación Galega: O Mundo Que Queremos (OMQQ) é unha iniciativa que naceu no ano 2013 impulsada por cinco entidades distintas para fomentar unha xuventude máis crítica, responsable e participativa. É un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.